«Dixeron de 'Vikingland' que é un ovni cinematográfico»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Xurxo Chirro participa en el Festival Internacional de Documentales de Tui

21 mar 2012 . Actualizado a las 11:43 h.

Xurxo Chirro abre esta noite a sección oficial do Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc. O realizador guardés presenta Vikingland, que se poderá ver a partir das 22.00 horas, no teatro municipal.

-¿Que é Vikingland?

-É un proxecto cinematográfico que algúns tachan de ovni cinematográfico. É unha película que emprega un arquivo descuberto máis que un material encontrado. Normalmente o material encontrado conta unha historia a maiores. Eu descubrín un material e eu quería contar a historia que xa estaba nel.

-¿Por que di que foi arriscado?

-A película gústalle moito a críticos porque é como deconstruir a linguaxe cinematográfica. O material parte dun mariñeiro, Luis Lomba, O Haia, que se enfronta por primeira vez a gravar cunha cámara de vídeo. É bastante intuitivo, respecta os planos e todo iso sae á luz. Hai que sumarlle que é un material analóxico coa estética do vídeo. Iso produce certo rexeitamento, pero se entras no xogo é un material que permite moitas lecturas. Ademais están os contidos porque é unha especie de diario da emigración ao Norte de Europa, e un diario de abordo dun mariñeiro que filma o traballo directamente. Tamén é un convite ao espectador para recoñecer eses rastros que hai do proceso de filmación, da natureza das imaxes, da construción da mirada, da relación do home coa cámara.

-Foi estreada no Festival de Marsella. ¿Como foi acollida?

-Marsella validou a proposta porque é o festival de documentais máis importante do mundo. Alí chamou a atención porque destilaba cinefilia e era unha proposta arriscada no contexto actual. Teño unha boa anécdota. No segundo pase, na zona vella da cidade, había unha persoa maior cun brazo tatuado, que despois das preguntas, levantouse e dixo: «Sobran as palabras, todo está nas imaxes». A min reconfortoume porque o meu traballo consistiu en darlle máis empaque ao material que xa había, pero dende o respecto.

-¿Como narrou esa historia?

-Eu non gravei o material polo tanto non podo dicir que haxa referencias cinematográficas. O material é dun afeccionado que empeza a gravar. Polo tanto as referencias son as orixes do cine. Para organizar o material busquei referentes literarios, e atopeinos en Moby Dick. Fixen asociacións por escenas, coma se fosen capítulos, e con títulos coma os de Moby Dick.

-¿Onde se pode ver á marxe dos festivais?

-É imposible que unha rareza así chegue aos circuítos comerciais pero eu ofrézome a facilitarlle o visionado ás asociacións ou cineclubs interesadas.

xurxo chirro cineasta