Un canto cromático á amizade

CULTURA

En A viaxe de Olaf e a partir do esquema oral dos contos, introdúcese aos máis pequenos nunha ilusionante viaxe en busca de compaña

13 mar 2012 . Actualizado a las 14:39 h.

Kalandraka fideliza aos lectores máis pequenos cun álbum de rebordante colorido, un fermoso canto á amizade protagonizado por unha sorte de principiño que, farto da soidade, inicia un camiño iniciático en busca de novos horizontes. Tras partir do seu pequeno planeta, Olaf xúntase a diversos animais fantásticos nunha travesía de inspiración acumulativa e circular tan propia dos contos infantís.

A oralidade e musicalidade da historia remárcanse polo tratamento visual do texto e polo uso de patróns comúns nestas fábulas, como son as rimas, os diálogos reiterativos -«Vés conmigo?, preguntou. E como non dixo que non...»- ou os xogos de contrarios.

A introdución de personaxes de inspiración mítica, como o peixe que tiña a cola do revés, e gran valor simbólico na literatura infantil (por servir como fonte de inspiración en diversos relatos), como os cabalos alados, invitan aos pequenos a facer unha lectura imaxinativa, reforzada polo dinamismo das expresivas ilustracións de Martín León Barreto.

Tras partir do seu pequeno planeta, Olaf xúntase a diversos animais fantásticos nunha travesía de inspiración acumulativa e circular

Nin a chegada da noite nin a volta a casa do protagonista logran apagar a profusión cromática das páxinas, que reterán a mirada infantil durante toda a viaxe. O festivo final deixará un regusto doce nos pais e un sorriso nos nenos, pola súa naturalidade e sinxeleza expositiva.