La Voz ofrecerá mañá un libro cos mellores artigos do autor na sección «Á marxe»

redacción / la voz < / span>

CULTURA

08 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre 1988 e o 2002 Carlos Casares non fallou na súa cita diaria cos lectores en La Voz de Galicia. A súa sección Á marxe gozou dunha gran popularidade grazas aos temas que abordaba o escritor, o seu estilo directo e sinxelo e o sentido do humor que impregnaba os seus textos. Aquela fermosa relación entre autor e público quebrouse o día do seu falecemento, o 9 de marzo do 2002, cando apareceu á súa derradeira marxe; no xornal do día seguinte a súa columna apareceu en branco.

Agora, cando se cumpren os dez anos do pasamento de Casares, La Voz quere lembrar as súas irrepetibles columnas e co diario de mañá ofrecerá aos seus lectores un libro que recolle algúns dos seus mellores artigos de Á marxe. Son 59 colaboracións que percorren o máis destacado do persoal universo que Casares foi quen de crear día a día, dende a súa infancia en Xinzo, as viaxes que o levaron a percorrer o mundo, o impacto que tivo a democracia de Suecia no seu pensamento, a gastronomía ou ese personaxe célebre de Á marxe, o gato Samuel. Ademais, o volume, que se pode adquirir co xornal por só un euro, inclúe Carta aberta a un político galego, co que Casares gañou en 1983 o Premio Fernández Latorre.

Carlos Casares en La Voz de Galicia está ilustrado cos traballos de Siro, Abraldes, Pinto&Chinto, Xosé Tomás, Matalobos, Xaquín Marín, Pepe Barro, Meixide, Leandro e Kiko Da Silva e ten na capa un retrato que fixo do escritor Ramón Loureiro. O tomo complétase con artigos de Kristina Berg, Xosé Luís Barreiro Rivas e Xesús Fraga.