De viaxe con Casares

CULTURA

08 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Entre as moitas travesías que fixemos xuntos, a que mellor lembro, agora, foi de nove xornadas, do 22 ao 30 de setembro, 1989. Tratábase da nosa primeira comparecencia como membros do PEN Internacional, no 54.º Congreso de escritores organizado, a medias, entre canadianos (Toronto) e quebecuás (Montreal). Casares, aínda que semellase o contrario, era un viaxeiro organizado. Trataba de aproveitar o tempo todo, incluídas as esperas. Nada de botar unha cabezadiña; ler algo e, sobre todo, falar. Mais que ninguén pense en temas chumbizos e eruditos. Nada diso, as conversas con Carlos resultaban, polo menos, entretidas. E de aí para arriba, ata a altura máxima, o que el denominaba «historias cómicas». Daquela, imposible reprimir as gargalladas.

Disfrutabamos, tamén, con xogos ad hoc. Por exemplo, situados comodamente nun lugar central do aeroporto, por onde pasase moita xente, procurabamos persoas parecidas a escritores: «Mira, mira, non te perdas a don Ramón Otero Pedrayo. Si, o de sombreiro negro; mesmamente cuspidiño». Pero, voltemos a aqueles días inesquecibles no Canadá. Primeira noite: o hotel cádranos, fronte por fronte, co Toronto Star, xornal do que Hemingway fora enviado especial na década dos anos vinte, logo, a ledicia de confirmarmos a presenza de Nélida Piñón, a brasileira-galega e, por riba, un poeta paraguaio, José Antonio Bilbao, que senta connosco no hall acompañado dun nepalí, Prakash Raj, que non fala máis que a súa lingua, pero que comparte, con laios e acenos, a perda da valixa do seu amigo.

E así sucesivamente: un tren con cinco centos escritores ata Montreal, un lío tremendo cun tipo da axencia organizadora, ao que Carlos increpa, en francés, facendo valer o noso dereito a cambiar de mesa, para almorzar e rir con Lygia Fagundes Telles, Ana Hatherly e Nélida? En fin, un puro disparate.