«Volvemos porque seica vai acabar o mundo»

CULTURA

SIMÓN BALVÍS

Heredeiros da Crus regresa coincidindo co vixésimo aniversario do seu primeiro concerto en Ribeira

02 mar 2012 . Actualizado a las 20:58 h.

Poder saborear o éxtase da música, esa sensación tan parecida a un frechazo, é o que espera Tonhito de Poi do concerto que os Heredeiros da Crus darán mañá en Ordes, despois de oito anos que pareceron séculos para os fans. Tamén facer tolear como antes, cando eran moitos os que pelexaban por trepar ao escenario.

Os nervios levan días no estómago do líder da banda, que di que o público «marchará cheo». Onde non haberá sitio para un alfinete será na sala LP45, despois de que as entradas se esgotaran aos poucos minutos de saír á venta. Isto non deixa de sorprender a Tonhito de Poi: «Pareceume tremendo que se acabaran tan rápido, nos primeiros vinte minutos, gañamos incluso a Bruce Springsteen», asegura.

Ten mérito que o éxito non se lles subira á testa. O líder anuncia que a actuación será coma unha viaxe ao pasado: «Soamos mellor que nunca. O tempo pasou para ben, porque como eu sempre digo, un ano de vida dun roqueiro vale por catro, coma pasa cos cans. Seremos Os Heredeiros da Crus na súa esencia, e haberá tamén sorpresas. Os que nunca nos viron entenderán por qué houbo xente que se tatuou o nome da banda. Sempre tocamos coma se foramos a morrer mañá, por iso tamén regresamos no 2012, volvemos porque seica vai acabar o mundo».

Remate ou non, parece que queda Heredeiros para rato, xa que a ilusión de Tonhito de Poi contaxiouse aos outros membros do grupo, un dos máis emblemáticos do rock galego. O de sacar disco vai ser outro cantar: «Antes non tiñamos que demostrar nada, agora temos que demostrar que seguimos arriba, aínda que pasaran os anos». A súa actuación será o momento musical para os que nunca perderon a esperanza de que volvesen.

ORDES | Discoteca LP45 | Sábado | 22.00 horas | Entradas agotadas