«Copiouse moito a Disney e Pixar»


REDACCIÓN /LA VOZ

Alberto Vázquez, co Goya na casa, está cunha man no lapis de ilustrador e debuxante e coa outra na animación e nos seus procesos. Birdboy é unha secuela de Psiconauta, editado no 2005 por Astiberri, cómic do que está preparando agora unha longametraxe.

-¿Como cre que repercutirá ter un premio Goya?

-Non teño experiencia previa sobre iso, así que non sei como será, nin se valerá. Supoño que como medio de publicidade do traballo si que funciona. Pero ata agora aínda non pasou nada. Pode ser que me chamen un día destes. Eu sigo traballando, estou preparando unha curta e unha longa de animación.

-¿A longa tamén baseada nunha obra súa?

-En realidade Birdboy era unha secuela de Psiconauta e fixemos a curta porque queriamos facer unhas probas para a longametraxe. Pero en lugar de facer probas por facer, fixemos un traballo acabado para ver se tira da longa.

-Niso hai unha coincidencia con «Arrugas», as dúas proceden dunha novela gráfica.

-Creo que é un bo xeito de traballar, porque aproveitas cousas propias en lugar de imitar modelos foráneos.

-¿Nese próximo traballo continuará utilizando o 2D?

-Estamos aínda nunha fase moi previa para a longametraxe, buscando financiamento, e aínda non decidimos cal será a forma definitiva da película, pero traballaremos con 2D, seguindo o feito en Birdboy.

-¿A animación xa perdeu a identificación de materia para cativos?

-Foi cambiando, pero segue a ser algo para minorías. Aínda que hai máis oferta para adultos, en España segue a ser algo para iniciados. Hai un público, pero é minoritario. En España non hai unha cultura da animación como pode haber en Francia ou en Alemaña e non digamos xa en Xapón. Aquí hai un público de xente de ata trinta anos, pero non hai espectadores de cincuenta, por exemplo. Aínda que os de trinta tamén se farán maiores.

-No que ten que ver coa industria da animación ¿cre que se mellorou?

-Eu non vexo moita industria. De feito o que se fixo en España as máis das veces era copia de fóra. Copiouse moito a Disney e Pixar e nin sequera moi ben. Eran produtos para cativos que non podían competir cos orixinais. Non se buscou o que podía ser propio, non se fixo unha escola como sucedeu en Francia en Alemaña ou en países como Polonia, nos que había mestres da animación e había un xeito de facer as cousas que respondía a unha escola e que, habitualmente, coincide coas fórmulas menos caras.

«En España a animación segue a ser algo para iniciados, minoritario»

-¿Espera que o Goya cambie algo a súa posibilidade de facer animación?

-Non son moi optimista con iso. Tampouco teño experiencia, pero no caso español é que non hai circuítos, nin escolas, nin festivais especializados. Esa falta dificulta un pouco conseguir financiamento para as películas e logo dificulta poder exhibilas. Por outra banda, os recortes ás axudas tamén significan menos financiamento.

-¿É máis difícil publicar novela gráfica ou facer animación?

-Moito máis difícil, e máis caro, facer animación. As dúas cousas están ligadas porque, ao cabo, son formas de narrativa secuenciada. Pero no cómic un pode controlar todo o proceso. E con 100 euros que poida custar o papel está amañado. Na animación hai moitas cousas que un non pode controlar directamente, hai que falar con técnicos. Podes facer animación na casa, e fixen algunhas cousas así, pero ao final tes que ir a outros acabados. Pero pasar unha historia de animación a formato cine custa 1.000 euros por minuto. É unha dimensión completamente diferente e moito máis complicada de manexar do que pode ser unha historieta.

alberto vázquez ganador dun goya por «birdboy»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos

«Copiouse moito a Disney e Pixar»