A Academia colgará na Rede o novo dicionario, con 50.000 entradas

O volume remata oito anos de traballo e actualiza a edición de 1997

camilo Franco
a coruña, santiago / la voz

«O novo dicionario estará na Rede dentro duns días». Isto anunciou onte Xosé Luís Méndez Ferrín. O presidente da Real Academia Galega falaba do novo dicionario da RAG diante do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que fixo a súa primeira visita oficial á Academia. «Son máis de 50.000 entradas, o dobre que no anterior», detallou Manuel González, académico que encabeza o Seminario de Lexicografía da RAG que foi o encargado de elaborar este traballo. González indicou que «o texto definitivo está entregado para colgar na Rede», aínda que se está traballando na parte máis técnica para facilitar o acceso. Foron nove especialistas os que desde hai oito anos estiveron traballando neste novo dicionario. É un volume normativo, en canto ortografía ou pronuncia e tamén no semántico e en canto a significado. A obra incorpora a información sobre a procedencia das palabras e datos sobre a que rexistro oral pertencen, desde o culto ao familiar. Para os autores, hai solucións e definicións que poden ser consideradas como definitivas. O anterior dicionario da RAG fora publicado en 1997 e foi editado conxuntamente por Xerais e Galaxia. O novo volume publicarase en papel «máis adiante, dentro de oito meses o así», apuntou Manuel González. «Estamos facendo unha Gramática, ¡despois de cen anos!; estase traballando tamén nun dicionario de apelidos galegos, evacuando consultas e nomes de persoas e apelidos para que sexan usados correctamente. A nosa vocación é de traballo, temos que velar pola lingua e pedimos respaldo económico e respaldo moral, que o temos», engadiu Xosé Luís Méndez Ferrín antes do encontro co novo conselleiro de Cultura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos

A Academia colgará na Rede o novo dicionario, con 50.000 entradas