Edicións Xerais leva vendidos dez millóns de libros desde a súa fundación

vigo / la voz

CULTURA

Entre os máis vendidos están o «Pequeno dicionario Xerais», «O lapis do carpinteiro», de Manuel Rivas e «Cartas de inverno», de Agustín Fernández Paz

04 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

En 1979, Edicións Xerais de Galicia comezou a publicar títulos, iniciando un catálogo que non deixou de medrar ata agora. Segundo a editorial, ao final do ano 2011, o total de vendas de libros desde a súa creación superou os dez millóns de exemplares vendidos.

Entre os títulos máis vendidos desta editorial está o Pequeno dicionario Xerais, que superou os 350.000 exemplares desde a súa primeira edición. No mesmo sentido, O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, e Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, roldaron os 81.000 exemplares vendidos.

No 2011, o libro con máis venda da editorial foi a antoloxía de contos de Manuel Rivas, O máis estraño, roldando os 4.000 exemplares, xunto con Non hai noite tan longa, tamén de Fernández Paz.