«Macbeth» revivirá nas táboas de Lugo da man de Helena Pimenta

Lucía Rey
lucía rey LUGO / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

A cidade acollerá a súa Mostra de Teatro Clásico do 5 ao 14 de febreiro

02 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A versión que fai de Macbeth a directora da Compañía Nacional de Teatro Clásico, Helena Pimenta, inaugurará a duodécima Mostra de Teatro Clásico de Lugo o domingo 5 de febreiro. A traxedia de William Shakespeare será levada a escena pola compañía vasca Ur Teatro e musicada polo Coro de Voces Graves de Madrid, que interpretará composicións de óperas de Verdi como ambientación. Esa será a primeira das cinco representacións que ofrecerá este ano o certame que organiza a área de Cultura do Concello de Lugo.

O luns día 6, Produccións Excéntricas e Mofa & Befa presentarán Shakespeare para ignorantes. Baixo a dirección de Quico Cadaval, o propio Cadaval, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira sorprenderán aos espectadores cun espectáculo de humor astuto e intelixente no que se darán cita asasinos, mendigos, bufóns, conspiradores, cornudos, delatores ou oportunistas, e do poderán tirar «valiosos recursos para resolver problemas da súa vida privada, laboral ou pública», subliña a organización.

Dous días despois, o mércores 8, a compañía Secuencia 3 interpretará un dos mitos universais da literatura española, La Celestina, de Fernando de Rojas, versionada por Eduardo Galán e dirixida por Mariano de Paco Serrano. A protagonista principal será a actriz Gemma Cuervo.

O Hamlet de Cunqueiro

O xoves 9, a compañía galega Sarabela Teatro renderá unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro ao representar O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca. Ánxeles Cuña Bóveda será a encargada de dirixir este texto lírico e complexo, pero único, do escritor de Mondoñedo, no que oito intérpretes establecen un diálogo que ofrece pontes entre tradicións culturais e que se adapta á sociedade actual. Mentiras, ambición, corrupción, luxuria e crimes conviven na corte de Dinamarca, «un teatro onde ninguén é o que aparenta». Interpretarán ás personaxes os actores Fernando Dacosta, Tito Asorey, Nate Borrajo, Josito Porto, Sabela Gago, Elena Seijo, Fina Calleja e Alfredo Rodríguez.

A Sibila de Gil Vicente

Pechará a mostra Auto de la Sibila Casandra, versionada e dirixida por Ana Zamora. A compañía Nao D?Amores subirá ás táboas lucenses a obra escita polo dramaturgo portugués Gil Vicente. Nela, Casandra, en figura de pastora, renega do matrimonio e rexeita os amores do pastor Salomón. Nin os consellos das súas tres tías nin os dos tíos de Salomón a dan persuadido.

Todas as representacións da Mostra de Teatro Clásico de Lugo darán comezo ás 20.30 horas no auditorio Gustavo Freire cunhas entradas lixeiramente máis baratas que o ano pasado.