Sampedro é nomeado «escritor galego universal»

redacción / la voz < / span>

CULTURA

Valoran o seu dobre compromiso co rigor literario e coa ética.

21 ene 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

O dobre compromiso de José Luis Sampedro (Barcelona, 1917) co rigor literario e a esixencia ética é o motivo do seu recoñecemento como escritor galego universal, unha distinción que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). A entidade fixo público onte o nomeamento, co que destaca a «alta calidade» da obra de Sampedro, «lúcida, profunda, radical e transgresora», ademais do seu compromiso ético.

O colectivo de autores galegos lembrou tamén a vinculación do homenaxeado con Galicia e a súa cultura. Na década dos anos setenta foi presidente de honra da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, coa que colaborou economicamente cunha mensualidade do seu soldo de senador por designación real nas primeiras cortes democráticas. A AELG lembra que Sampedro nesta altura defendeu a inclusión do dereito de autodeterminación no texto constitucional.

A relación de José Luis Sampedro, autor de obras senlleiras como Congreso en Estocolmo, El río que nos lleva ou La sonrisa etrusca, continuou a través da Facultade de Ciencias Económicas de Santiago, onde participou no seguinte decenio en diversos congresos. En 1990 impartiu a lección inaugural Un humanismo para una crisis na Universidade Popular de Ortigueira.

O premio, que xa recibiron, entre outros, Elena Poniatowska, Gamoneda e Pepetela, entregaráselle en maio ao escritor.