«Aquí mandan os de sempre, como din os perdedores de 'Fábula'»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Trinta anos despois da súa aparición, a novela publícase en castelán

09 ene 2012 . Actualizado a las 07:05 h.

En 1980 publicouse Fábula, un long-seller na traxectoria de Xavier Alcalá. Agora aparece en castelán da man de Pulp Books.

-Trinta anos despois da primeira edición, ¿como atopou Fábula e que cambios ve en vostede como escritor neste tempo?

-Fábula foi editada en galego seis veces, antes de aparecer en castelán. Eu sempre releo e retoco as miñas vaidades. Por tanto, nun caso de long-seller coma o desta novela, non dou esquecido o texto. Está claro que hai unha evolución nas miñas teimas: pasei da «collage» que se nota en Fábula, Nos pagos de Huinca Loo e Tertúlia (nesta, moitísimo) á linealidade da triloxía Evanxélica memoria, ou na da miña próxima novela, Verde oliva. Antes confiaba na «intelixencia do lector». Agora teimo con ser lineal e explícito: deben ser os anos de docencia na universidade...

-O libro publicouse en 1980 e algunhas afirmacións de personaxes sobre Franco podían causarlle problemas, sabendo hoxe o que podería ter pasado no 23-F. ¿Era consciente de que se podía producir esa involución?

-Esta pregunta pon o dedo na chaga. Verdadeiramente foi unha insensatez publicar a novela nesa altura (escribina en tres meses) porque a Transición en España pechara en falso. De feito, colleunos en pleno trauma do golpe de estado aínda a presentar a novela. Houbo unha escena dura, que dá para novelar, logo do 23-F no escritorio do alcalde da Coruña, daquela Domingos Merino. Salvámonos por pouco...

-A novela tamén recolle, dalgún xeito, as arelas do arranque do período autonómico. ¿Cumpríronse as expectativas de entón?

-Curiosamente, hoxe estamos como relata a novela en referencia ás eleccións do 79, que fan de pano de fondo para a intriga do acontecido no 36. Hai un partido democrático de dereitas no que se refuxia xente de pasado fascista, outro de esquerdas en decadencia e unha mínima representación nacionalista virada a certos extremismos trasnoitados. Non se avanzou. En España mandan «os de sempre», como din os perdedores de Fábula, e Galicia carece dun partido que poña a defensa do país por riba de esquerdas ou dereitas.

-Fábula tamén pon de manifesto as dificultades que había entón para mirar de fronte os crimes do franquismo. ¿Como ve hoxe esa situación?

-Vexo que Mariano Rajoy non fala do seu avó. Teno no armario por galeguista, mentres o Zapatero falaba do avó fusilado polos «nacionales». Os que non queren que se desenterren os mortos saberán o que pesa nas conciencias das súas familias. Ora, as pantasmas nunca deixarán de vagar en canto non se esclareza toda a barbarie, que foi moita. Franco foi un Hitler nun país de tonadilleras andaluzas.

-A novela sae agora en castelán. ¿Como ve a percepción fóra da literatura galega?

-Hai algo que me parece un absurdo: que en Madrid pensen que escribimos en «subvencionado», que o que non se escribe en castelán é algo de broma. Por iso é tan importante o paso que deu Pulpbooks, porque en Galicia hai moita materia literaria ben tratada. Ora, se hai ese prexuízo do nacionalismo español, lancémonos a outros mercados libres del. E, se o texto en papel non se difunde, pensemos nos novos soportes. Eu ando niso.