A poesía de Celso Emilio Ferreiro dialoga nas rúas de Celanova

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

Os actos do centenario do autor comezaron onte na súa vila natal

05 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«Lonxana Celanova vinculeira, torre ebúrnea da miña mocedade. Cando te lembro sai da súa toqueira, coma un furón de soños, a saudade. Unha chuvia monótona e tristeira, cai decote na miña intimidade, e sinto que unha sombra silandeira, coma un solpor o meu esprito invade». O poema Alma da terra de Onde o mundo se chama Celanova serviu para iniciar onte a lectura de versos de Celso Emilio Ferreiro na súa vila natal, xusto no día no que se conmemoraba un século do seu nacemento.

O ata onte director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, Francisco López, foi o que iniciou a declamación de versos, que finalizou o ex secretario xeral de Política Lingüística e novo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, elixindo do mesmo libro o poema A nosa amiga, un canto á poesía como forma de entender a súa vida.

O ano de Celso Emilio Ferreiro iniciouse en Celanova co proxecto titulado Cen anos, cen comercios, cen poemas, organizado pola Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova en colaboración coa Xunta e cos comerciantes da localidade, que pretende, como destacou onte o alcalde Celanova, Antonio Mouriño, levar á rúa a obra de Celso Emilio Ferreiro para que conviva cos veciños e cos visitantes para «os que o autor escribiu os seus versos».

Anxo Lorenzo destacou a vixencia e a actualidade dos versos de Celso Emilio Ferreiro e subliñou que desde onte uniranse esforzos para acadar o recoñecemento da súa obra e para avanzar no seu estudo e na súa difusión: «Afrontamos o reto de achegar o autor á cidadanía e socializar a súa obra. Queremos encher a súa vila natal cos seus versos para que dialoguen cos veciños e cos visitantes de Celanova». Francisco López subliñou os discursos intensos de Celso Emilio Ferreiro que «espertaron conciencias» e destacou a súa ansia por descubrir a verdade. «A súa voz é unha chamada á responsabilidade de ir mais aló e coñecer onde está o noso sitio no mundo», sentenciou.

Dende onte e ata que finalice o 2012, un centenar de comercios da vila de Celanova mostrarán nos seus escaparates os versos máis significativos da obra do escritor. Os poemas vertebran ademais un xogo literario dirixido aos escolares que visiten a Casa do Poeta da localidade, que terán que localizar nos escaparates as estrofas de Longa noite de pedra. Farán un percorrido deseñado como unha liña de metro e selarán ao estilo do Camiño de Santiago o seu paso polos distintos comercios para conseguir ao final un agasallo de recordo.

Gravacións e edicións de libros

O Consello da Cultura Galega pon a disposición dos cidadáns unha gravación dunha hora de conversa con Celso Emilio Ferreiro coincidindo coa conmemoración do centenario do seu nacemento. O material, no que repasa a súa vida dende a infancia á militancia política, pasando pola literatura, foi gravado polos xornalistas Xosé Antonio Perozo e María Xosé Porteiro para elaborar un libro sobre o autor. O Concello de Celanova tamén editou un libro, de curta tiraxe, cun breve resumo da biografía do poeta, fotografías e poemas seleccionados no proxecto iniciado onte.