Tanto Ferrín como Rivas dan por boa a descrición de Pereiro como heterodoxo e os dous académicos da lingua consideran lóxico o proceder da institución lembrando a un autor pouco académico. Ferrín considera que a RAG non fai «as cousas porque si Pereiro foi unha elección axeitada, como todas as da Academia, aí están os resultados». Para Rivas, o éxito deste ano dedicado a Pereiro demostra que a «Academia está atenta ao que pasa na rúa».
Para o irmán do escritor, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, «foi un ano sorprendente, primeiro pola cantidade de actividades e logo pola variedade». Engade o irmán do escritor que hai que ter en conta «a variedade de propostas que foron nacendo arredor da obra de Lois, fosen libros, películas, discos, teatro ou concertos». O periodista explica que a polémica arredor da elección de Pereiro «só demostra o interese que hai polo autor e pola celebración». Para o irmán do poeta, o carácter diverso e pouco académico da súa obra «foi unha das circunstancias decisivas para que este fose como foi». O propio xornalista sinalou na Academia que o Día das Letras «pode elevar ou tombar a un autor». Considera que no caso do seu irmán «non hai perigo do segundo».