«Para chegar a Lois hai que ter a intensidade que el tiña»

La Voz

CULTURA

Patiño pecha o ciclo Pereiro
Patiño pecha o ciclo Pereiro .< / span>

31 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

antón Patiño acaba de concluír un ciclo coa publicación en Espiral Maior de Dicionario de sombras, «unha obra que trata a paisaxe arredor dun home». Ese home é Lois Pereiro, e o libro, o terceiro que Patiño publica sobre quen fora o seu compañeiro de xeración.

-Despois de todo un ano de falar de Pereiro, ¿cales son as chaves para chegar a el?

-Hai que ser fieis á súa identidade. Para chegar a Pereiro hai que ter a intensidade que el tiña para todo.

-¿O formato dicionario favorece ese achegamento?

-É axeitado porque pretendo achegar a Lois desde diferentes perspectivas. É un achegamento á súa obra e á súa circunstancia, pero tamén é un xeito de explicar o impacto das mutacións do mundo na segunda metade do século XX. É, ademais, unha achega á miña xeración. O dicionario respecta a simultaneidade das influencias nas 320 entradas que ten. Incorpora material de Piedad Cabo, a que foi a súa compañeira, que completa a visión sobre Lois.

-¿Quedan cousas por dicir sobre o escritor?

-Un poeta como Lois Pereiro non se esgota nunca. O carácter da súa obra está blindado conta a xibarización ou conta o esquematismo. É unha obra que nace dun proceso de subtracción e polo tanto mantén vivo o enigma, esas zonas de penumbra luminosa. Pereiro resiste calquera proceso de banalización.

-¿No seu caso, quédanlle cousas por dicir sobre o poeta?

-Unha vez que entregue o texto da miña intervención no congreso, creo que cumprín un ciclo de explicar a Lois Pereiro desde a miña proximidade xeracional, pero tamén desde a fascinación pola súa obra, pola súa relación con outras obras.