Álvaro Cunqueiro escribiu un ensaio, As mil caras de Shakespeare, cuxo título ben vale para o mindoniense. Dentro dese milleiro de facianas, a da gastronomía era unha das que máis satisfacción reportaba ao escritor e agora, no ano do seu centenario, motivo de celebracións.
Nunha entrevista concedida a La Voz, Cunqueiro afirmaba que lle gustaría percorrer o país «con la taza de mi apellido en la mano». E isto mesmo é o que vai facer un grupo de entusiastas en varias cidades galegas, ás 20.00 horas. En Santiago, o grupo partirá da rúa Ensinanza, onde o escritor viviu nos seus anos de universidade, para percorrer tabernas e lugares vinculados á súa biografía, tomando viños e lendo fragmentos da súa obra.
Na Coruña, os blogs Pantagruel, supongo e Enofílicos organizaron nas instalacións de Servino unha cata dos mellores viños galegos, con representación das cinco denominacións, con textos de Cunqueiro como fío condutor. En Lugo, os protagonistas serán os viños do Condado e unha ruta pola cidade, para rematar cunha cea no restaurante Paprica, organizado polo club de viños Vitislucus (Rúa Nova, 7, entrechán), mentres que en Tui a cita cos viños e a literatura será na Vinoteca de García, ás 20.30 horas, con cata de variedades galegas, música de gaiteiros e un cantante de coplas. Estas actividades tamén se poderán seguir por Twitter co hashtag #ACunqueiro. Os asistentes están convidados a levar paraugas, unha chiscadela á fantasía cunqueiriana.
Tamén se celebrará o día 28 no Parador dos Reis Católicos un simposio sobre o Cunqueiro gastrónomo e un xantar con pratos favoritos de Cunqueiro.