O moañés Xosé Daniel Costas gaña o décimo Premio de Poesía de Novacaixagalicia

vigo / la voz

CULTURA

O certame, organizado pola entidade financeira e o PEN Clube de Galicia, está dotado con 12.000 euros.

16 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O poeta Xosé Daniel Costas Currás (Moaña, 1981) resultou gañador da décima edición do Premio de Poesía de Novacaixagalicia pola súa obra Monicreques. O certame, organizado pola entidade financeira e o

PEN Clube de Galicia, está dotado con 12.000 euros. Ademais, o poemario publicarase na colección Arte de Trobar, que na actualidade está composta por 18 volumes. A entrega do galardón se celebrará en primavera.

O fallo dérono a coñecer onte a representante de Novacaixagalicia, Paloma Vela, e o presidente do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar, que exerceu de presidente do xurado. O tribunal encargado de ditaminar a obra gañadora entre os 71 orixinais presentados estivo integrado tamén por Emma Pedreira, gañadora da 9.ª edición do certame; Ana Salgado, crítica literaria; Edelmiro Vázquez Naval, escritor; Antón Pulido, artista, e Xabier Castro como secretario.

O xurado, que elixiu o poemario de Costas por unanimidade, quixo destacar «a aposta arriscada por unha estrutura autenticamente novidosa, a teatralidade da mesma, un ritmo e unha musicalidade singulares e unha plasticidade que vai máis alá das imaxes e cromías para construír un mundo poético e pletórico de modernidade, que non por iso deixa de lado a tradición». O premiado forma parte da xeración máis nova de poetas galegos, é membro fundador da Lonxa Literaria de Moaña e autor doutras dúas obras que tamén obtiveron recoñecementos.