Gimferrer sinala que Lois Pereiro nunca escolleu ser un maldito

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O congreso sobre o poeta sitúao no centro da tradición europea

16 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xosé Luís Méndez Ferrín abriu o congreso sobre Lois Pereiro asegurando que todos «os que tentan imitar a Pere Gimferrer acaban mortos» e o escritor catalán decidiu imitarse a si mesmo na conferencia inaugural do congreso que hoxe continuará en Compostela e mañá finalizará en A Coruña. Unha lección inaugural na que colocou a Pereiro no centro do discurso europeo da lírica galega e lonxe de determinadas interpretacións que o situaban nos arrabaldes do malditismo.

Gimferrer estableceu un certo paralelismo en Rimbaud y Pereiro, un paralelismo de xuventude, desaparición prematura e «voluntad de sintetizar todo en un mismo impulso». O escritor apuntou que se podía colocar á poesía galega no centro do discurso poético de Europa desde os trobadores e, nesa liña, «Pereiro escogió la lengua en la que escribió y por lo tanto eligió la tradición en la que quería colocarse».

Para Gimferrer que a RAG «celebre a Pereiro no es un contrasentido, más bien tiene el sentido del reconocimiento, de la identificación con la tradición».

O escritor quixo apartar a Lois Pereiro da interpretación de malditismo. Para a súa argumentación apuntou dous nomes, Dylan Thomas e Henri Michaux. Nestes dous casos, segundo o académico, «Thomas eligió el alcoholismo y Michaux las drogas como una circunstancia que cambió definitivamente su obra». No caso de Pereiro, segundo Gimferrer, «no hubo elección porque nadie elige la colza y lo que sucedió después fue una consecuencia que influyó en Pereiro, pero no una elección estética por su parte».

Gimferrer relacionou a Pereiro con outros dous nomes da poesía en relación coa morte e coa tensión que a poesía mantén co silencio, como José Ángel Valente e Paul Celan.

Un encontro académico para seguir falando do poeta de agora en diante

Tanto o presidente da Real Academia Galega como o conselleiro de Cultura coincidiron en sinalar que o congreso sobre Lois Pereiro non era o final dunha celebración.

Méndez Ferrín apuntou minutos antes de iniciar as actividades do congreso en Santiago que quedaban «moitas cousas por falar de Pereiro», engadindo que esperaba dos debates «argumentos para profundizar en todas as dimensións da obra de Pereiro». O presidente da RAG sinalou tamén que non era o momento de clausurar o ano dedicado a Pereiro, senón de dar comezo á celebración continua do poeta.

No mesmo sentido, Roberto Varela Fariña asegurou que a dimensión do Día das Letras Galegas «cambiou coa celebración de Pereiro» e que este ano que agora conclúe foi «moi completo en todos os sentidos e con achegas de moito valor á figura do admirado escritor».

Varela apuntou tamén que o congreso tería que ser o cumio deste ano dedicado ao escritor pero non debía ser «a última das celebracións que lle adiquen». O conselleiro reclamou tamén unha permanente reivindicación de Lois Pereiro nos próximos anos.