A RAG pecha o ano Lois Pereiro con tres xornadas de congreso

dolores vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Méndez Ferrín destacou que este congreso non é para chegar a «conclusións, senón para aprender as claves segredas de Pereiro que non foron descifradas»

14 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Un pormenor do poema Dous minutos nun baile de derviches, con correccións manuscritas de Lois Pereiro, ilustra o congreso que durante tres xornadas, de mañá ao sábado, analizará a figura do último homenaxeado do Día das Letras, e que está organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Consellería de Cultura e a Universidade da Coruña.

Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG, destacou que este congreso, que se inicia mañá na Cidade da Cultura, non é para chegar a «conclusións, senón para aprender as claves segredas de Pereiro que non foron descifradas» e gabou as figuras que participarán, xa que a primeira intervención é do catalán Pere Gimferrer e o peche corresponderá á autora galega Chus Pato. As dúas últimas xornadas faranse na sede da RAG na Coruña.

Francisco Rodríguez López, director xeral do Libro, felicitou onte, na presentación do programa, á RAG pola «valentía» que supuxo apostar por ese autor para celebrar o 17 de maio, que recoñeceu que foi «unha explosión da súa figura que ninguén podía prever», e do poeta dixo que aínda cunha obra «curta ten unha forza creadora excepcional, cunha estética profunda e desenvolta». Pola súa banda, Luís Caparrós, da Universidade coruñesa, destacou o «verniz de modernidade» de Pereiro que achegou este tipo de celebracións á xente moza. Mentres, o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, avanzou que, fóra do programa, conseguiuse que Antón Reixa, amigo de Pereiro, presente o sábado e como colofón audiovisual do Congreso Lois Pereiro o seu proxecto Mundo Lois, sobre a figura e obra literaria do poeta monfortino.