A segunda edición do «Galeoke» ofrece vinte novas cancións do repertorio galego

santiago / redación < / span>

CULTURA

Será presentada oficialmente esta semana cunha festa que se celebrará o próximo xoves

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Tras o seu paso polo Culturgal, a segunda edición do Galeoke será presentada oficialmente esta semana cunha festa que se celebrará o próximo xoves, día quince, en Santiago de Compostela.

Esta segunda edición do disco con cancións galegas para cantar en familia incorpora vinte e unha novas pezas de estilos que van desde o folk ao rock co único punto en común de estar cantadas en galego.

No listado de cancións que se poderán cantar no novo Galeoke figuran pezas tan coñecidas como o Corpiño xeitoso de Andrés do Barro na versión de Faltriqueira. Pero non é o único superventas que ofrece este segundo volume. Seguindo a Pilocha pódese cantar O sancristán de Coímbra e seguindo aos Papaqueixos a peza a cantar é O paraugas do José, que fixera famosa no seu día a Charanga do Cuco de Velle.

Para quen prefira música máis urbana hai pezas de Radio Océano, Como o vento, de Heredeiros da Crus, Quero josar, ou de The Homens, Calamar. Como no primeiro volume, publicado no decembro do 2010, esta segunda edición está baseada en software libre e pode ser utilizada en ordenadores. O prezo deste segundo disco ronda os 20 euros.