Unha feira é unha feira

CULTURA

03 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Contaba un Miquel Barceló en plena ascensión aos ceos mediáticos dos axitados anos oitenta que unha feira sempre é unha feira. Tanto ten que sexa unha exquisita feira de arte contemporánea, como Arco ou Basel, ou unha desas humildes feiras de vila nas que se trafica con coitelos e zocas artesanais. Á feira uns van a vender e outros a mercar. Listo. E, como admitía aquel Barceló emerxente, hai que perderlle dunha vez por todas o medo a recoñecer a compoñente industrial, económica e mesmo comercial que ten, de seu, a cultura. Tamén a cultura galega, que ás veces peca dun exceso de purismo xa superado noutros contextos xeográficos e lingüísticos. E precisamente por iso é crucial celebrar o saudable aire de feira que ten Culturgal. Esa atmosfera lúdica, irreverente e festiva na que se mesturan actores, escritores, bandas de música, televisións, cineastas, ilustradores e outras xentes das industriais culturais é a mellor proba de que a creación ten que saír de cando en vez dos ríxidos recintos académicos e intelectuais e tomar osíxeno. Culturgal é unha feira. Claro. E por iso é a gran festa da nosa cultura.