Tucho Calvo vén de reeditar o seu libro «Valentín Paz-Andrade. A memoria do século XX», personaxe que o vindeiro ano protagonizará o Día das Letras Galegas.
26 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O xornalista e editor Tucho Calvo vén de reeditar o seu libro Valentín Paz-Andrade. A memoria do século XX (Editorial Biblos), personaxe que o vindeiro ano protagonizará o Día das Letras Galegas.
-¿É unha versión ampliada?
-As novidades céntranse na transición, unha parte que non cheguei a traballar con el porque é un libro de respostas escritas e revisadas por el; unha autobiografía na que eu aparezo como un xornalista que fai preguntas e guía o libro. Antes de morrer, dedicouse a ultimar outros libros. Eu suplín o baleiro coas conversas que lle gravara. Desas gravacións sae esta ampliación.
-¿É o personaxe máis singular do século XX galego?
-Si, creo que o acerto de dedicarlle o Día das Letras Galegas está en que se homenaxea a un personaxe que é admirable por moitos sectores. Non destacaba só nun determinado ámbito cultural, senón que é o home no que pode verse reflectida a mellor sociedade galega. Desde os avogados, os empresarios máis emprendedores, aqueles que ven Galicia situada no mundo... Tamén é o político que loitou permanentemente polo país.