Un ano sen Fernández del Riego

c. w. a coruña b. r. sotelino VIGO / LA VOZ

CULTURA

Vigo recorda hoxe, cunha cerimonia familiar, ao patriarca das letras

26 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A frutífera vida de Francisco Fernández del Riego apagouse a tarde do venres 26 de novembro do 2010. Hoxe hai un ano que a cultura galega perdeu ao seu patriarca das letras, un home entregado sen fisuras á causa da cultura galega dende ben mozo, ata que as forzas lle fallaron aos 97 anos e a parca o atopou prostrado na súa casa da viguesa praza de Compostela, cidade na que residiu na meirande parte da súa vida.

Para lembrar o primeiro aniversario do seu pasamento os representantes da cultura galega non organizaron ningún acto e tampouco a Fundación Penzol. A única convocatoria que se celebrará hoxe (20 horas) na súa memoria será unha misa en galego que encargou a familia na igrexa dos Apóstolos de Vigo, en Marqués de Valladares.

Del Riego, nacido o 7 de xaneiro de 1913 en Vilanova de Lourenzá (Lugo), chegaría a cumprir o século dentro de dous anos, e para entón é cando se prepara un aniversario moi especial no que se lle renderá unha gran homenaxe a un home, que, curiosamente, sempre fuxiu de fastos e loanzas, e que nos derradeiros anos da súa existencia insistiu, sen conseguilo, en que lle gustaría marcharse tranquilo e sen facer mais ruído do necesario.

Don Paco, como todos o chamaban, era o derradeiro supervivente dunha brillante xeración de intelectuais galeguistas. O escritor, ensaísta e estudoso da lingua, home viaxeiro, melómano e gran lector, ingresou na Real Academia Galega en 1960 e foi presidente da institución de 1997 ao 2001. Pero a súa vinculación máis comprometida e permanente foi coa Fundación Penzol de Vigo, que dirixiu dende 1963 ata uns meses antes de morrer, cedéndolle o posto a Francisco Domínguez Martínez, que o relevou a proposta súa no cargo, logo referendado polo padroado da entidade, que atesoura un rico fondo bibliográfico sobre a cultura galega.

Por outra banda, Francisco Fernández del Riego, que recibiu o premio Fernández Latorre en 1994, estivo especialmente vinculado a La Voz de Galicia, diario do que foi colaborador habitual ata o mes de xullo do 2010. O seu derradeiro artigo o publicou neste xornal.

Na Casa da Cultura Galega, que acolle á Fundación Penzol, inaugurouse onte a exposición No niño novo do vento, Cen anos con Álvaro Cunqueiro, que remata en Vigo o seu periplo por Galicia. Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia, organizadora da mostra coa Xunta e a Penzol, lembrou ao que foi cofundador da histórica editorial: «Don Paco é un personaxe que marca unha época na cultura galega fundamental, que representa a toda unha xeración arredor dos fillos de Otero Pedrayo e a República e que mantén o espírito da dignidade. O tempo converteraos en xigantes», dixo.