«Cada tempo fai a súa reactualización dos mitos»

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor publica un dicionario no que conviven meigas e mouros, santos e magos e outros seres de lenda

02 nov 2011 . Actualizado a las 17:27 h.

Vítor Vaqueiro (Vigo, 1948) vén de publicar en Galaxia Mitoloxía de Galiza, un libro que amplía considerablemente a Guía da Galiza máxica que aparecera en 1998 e que se presenta agora en forma de dicionario: entre o abantuxo -mal de aire provocado polo sangue menstrual- e o zarronco -un ser cuxa misión é meter medo aos pequenos- conviven meigas e mouros, santos e magos, animais de lenda ou dos montes e pedras e fontes marabillosas.

-Este conxunto de lendas e tradicións ¿que di de como os galegos interpretaron o mundo?

-É unha pregunta de difícil resposta, habería que facer unha sistematización e clasificación das lendas. Pero igual que no refraneiro hai xustificacións para unha cousa e o seu contrario, como que o paisano se alegra da choiva ou a maldí, é certo que podemos falar dun certo carácter pragmático: iso de Deus é bo pero o Diaño non é malo, e que remite a un carácter pactista, aínda que, xa digo, todo isto con moitas matizacións.

-Dende fóra hai unha percepción de Galicia como país rico en mitos: aí están, dende antigo, Fisterra ou o río do esquecemento para os romanos...