«Bretemada» recobra vida en Muxía

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Muxía viviu onte un «acontecemento literario de altísima importancia», segundo o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

23 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Muxía viviu onte un «acontecemento literario de altísima importancia», segundo o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, que asistiu na vila da Barca á presentación do poemario Bretemada, unha obra inédita de Gonzalo Francisco López Abente (1878-1963). O autor muxián compuxo este traballo literario entre 1917 e 1922, pero nunca chegou a publicalo. O mecanuscrito permaneceu dende entón nos arquivos da vella casa dos Pardo Bazán da Coruña.

A recuperación deste traballo case 90 anos despois foi un dos obxectivos da Fundación López Abente, creada nun acto público o pasado mes de xaneiro. O escritor ceense Miro Villar foi o encargado da edición e da introdución, na que fai unha análise da vida e a obra do poeta muxián publicada por Alvarellos, dentro da colección Rescate.

Bretemada (unha metonimia de Galicia) non é, segundo Méndez Ferrín, «un libro calquera». É, na súa opinión, un «magnífico» poemario «profundamente nacionalista», o que explica «que non se publicase ata o de agora». O presidente da Real Academia pensa que «o pulo patriótico» destes cen poemas de Abente era incompatible coa censura que lle tocou vivir.

Miro Villar e Olivia Rodríguez, encargada da colección, explican o libro coma un poema épico sobre Galicia e os seus acontecementos históricos. Malia que estas composicións se presentan como autónomas, Bretemada poderíase considerar coma un poema único perfectamente estruturado, con un final moi enlazado cos traballos literarios propios das Irmandades da Fala. Méndez Ferrín cre que os «críticos literarios non preguiceiros» teñen un gran labor por diante con esta obra despois desta «decrúa feita por Miro Villar».