A consellería asegura que leva repartidos 455.000 euros en subvencións
19 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Non hai diñeiro para máis. Segundo Cultura, pechado o balanzo a setembro das contas da consellería, «non se poden afrontar novos gastos e hai que priorizar o pago dos compromisos adquiridos». Por este motivo, Cultura suspendeu onte a convocatoria de axudas públicas do pasado mes de maio destinadas a asociacións e fundacións de carácter cultural e que tiña unha contía total de 300.000 euros.
Segundo a consellería, a convocatoria aínda non fora estudada nin se comunicara en ningún momento cos posibles beneficiarios, polo que a súa suspensión o que impedirá é que se presenten novas peticións de axudas que, en principio, estaban destinadas a asociacións, fundacións e institucións, tanto a funcionamento como a actividades. Cultura sinala que a convocatoria se volverá a realizar no 2012, aínda que con criterios diferentes aos deste ano e con contías posiblemente menores.
Segundo o organismo autonómico, a orde que suspende a convocatoria de axudas ten que ver coa necesidade de equilibrar o presuposto existente e a necesidade de «priorizar nos compromisos que a consellería xa ten asumido».