O Consello da Cultura cre que son moitas e caras, e están mal xestionadas
18 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Hai moitas, son caras de manter e non están ben xestionadas. Esta é a conclusión do informe realizado polo Consello da Cultura Galega sobre as fundacións de carácter cultural existentes en Galicia. O informe foi entregado á Consellería de Cultura e Turismo, que ten intención de utilizalo como «guía para a toma de decisións sobre fundacións no futuro», segundo explicou o conselleiro, Roberto Varela. O presidente do Consello, Ramón Villares, sinalou que neste campo «houbera demasiada liberdade» e que facían falta máis medidas de control, amais da incorporación decidida de fondos privados.
O mapa das fundacións culturais en Galicia ten cifras que o informe considera excesivas mesmo para tempos sen crise. Hai 145 fundacións de interese galego e de carácter cultural. É o xénero no que hai máis. En Galicia están rexistradas un total de 520 fundacións, polo tanto, as culturais son o 26 % das existentes.
As cifras que o informe ofrece profundizan no carácter das fundacións existentes e tamén no seu tamaño e actividades. O 60 % das existentes ingresan menos de 18.000 euros por ano. Só nove das 145 teñen no seu capital inicial bens mobles ou inmobles e non só diñeiro. En 114 non está representada ningunha empresa privada. Hai representación institucional da Xunta, concellos, deputacións ou outras de carácter público, en cen das fundacións. Destas, hai 16 nas que máis da metade dos seus patronos son representantes de institucións públicas.
A pesar dese importante protagonismo do sector público nas fundacións, o informe revela que só unha cuarta parte das 145 fundacións cumpre cos requirimentos de dar contas da súa xestión.
Aínda apunta máis sobre este particular: só un terzo do total entrega debidamente a memoria de actividades anual, que ten carácter obrigatorio, polo que o informe sinala a dificultade de que a Xunta realice unha correcta supervisión destas entidades.
No mapa de situación elaborado coa participación de presidentes dalgunhas das fundacións galegas, aínda queda outro espazo baleiro. O informe explica que só 48 fundacións declararon ter realizado algunha actividade durante o pasado ano.
O informe profundiza máis porque explica a dependencia que teñen as fundacións das subvencións e axudas concedidas por institucións públicas, de xeito que se establece un paralelismo que «a maior grao de actividade, maiores ingresos por subvencións».
Sinala o informe que «as sete fundacións culturais galegas que tiveron unha media de ingresos superiores aos 2,3 millóns de euros durante os últimos cinco anos acapararon o 60 % das axudas, quedando o resto, un 40 %, para repartir entre as 136 restantes».