A Mostra das Artes Escénicas resume a actividade teatral galega en 25 espectáculos

redacción / la voz

CULTURA

É a versión reducida do que ata o ano pasado foi a Feira das Artes Escénicas e que mudou de nome, de número de espectáculos ofrecidos e tamén de formato

17 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Desde hoxe e ata o vindeiro xoves en Santiago, a Mostra das Artes Escénicas resumirá en vintecinco espectáculos a actualidade teatral de Galicia. Esta é a versión reducida do que ata o ano pasado foi a Feira das Artes Escénicas e que mudou de nome, de número de espectáculos ofrecidos e tamén de formato en gran parte dos casos.

A Mostra terá dous tipos fundamentais de formatos. O que se considera habitual de espectáculos completos e no que están programados un total de once funcións. A organizadora da mostra, a Axencia Galega das Industrias Culturais, tamén ampliou o número de showcases que ata o ano pasado só se ofrecían en espectáculos de danza e que nesta mostra inclúen fragmentos de 20 minutos dos espectáculos seleccionados. En total, no apartado de fragmentos, están seleccionados catorce espectáculos.

A Mostra comeza hoxe coa representación de O último cowboy, de Teatro do Noroeste, no Teatro Principal, mentres que no Salón Teatro exhibirase a primeira das dúas sesións de showcases cos seus sete fragmentos de producións.

Dos once espectáculos que se ofrecerán en versión completa, sete son para público adulto: Citizen, de Chévere; Unha hora na vida de Stefan Zweig, de Lagarta Lagarta; Pelos na lingua, de Talía Teatro; E.R. (Algún día traballaremos xuntas), de Teatro do Atlántico; Último cowboy, de Teatro do Noroeste; e Tango, de Sarabela Teatro. Os outros catro espectáculos na versión completa están destinados a espectadores infantís: Valados, de Artestudio Teatro; Pío, de Caramuxo Teatro; Nana para un soldado, de Ghazafelhos; e Malas palabras, do grupo Katarsis, Educación e Teatro.

Aínda que a Mostra está organizada para profesionais, o público poderá tamén acceder aos espectáculos, en función das butacas dispoñibles, adquirindo os billetes nos despachos.