«Defender o idioma galego é pura ecoloxía lingüística»

O director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford cre que hai que mimalo «como especie en perigo de extinción que é»


vigo / la voz

John Rutherford non foxe de calquera eufemismo para definir o que, ao seu xuízo, está a facer a Administración autónoma co galego: «Lamentable». Non comparte a teoría de Núñez Feijoo e seu equipo: «Que non veñan con esas cousas do equilibrio. As especies en perigo de extinción precisan dunha protección especial, así que defender o galego é pura ecoloxía lingüística». O profesor Rutherford clausurou onte en Vigo o congreso sobre Cunqueiro, ao que, confesou, leva moitos anos «lendo e gozando».

-Escoitándoo, puidese parecer que a literatura galega vai costa abaixo.

-Non é así. A pesar das cousas tristes que están a pasar, dos ataques que está a recibir na propia casa, goza de boa saúde. O mellor exemplo é que temos escritores de todas as idades.

-Vexo que fala en primeira persoa...

-E que eu síntome tan galego coma británico. Paso longas tempadas alí e longas tempadas aquí e escribo nunha e noutra lingua indistintamente. De feito, o meu próximo libro será en galego. Estou a piques de iniciar unha nova novela inspirada no Camiño de Santiago.

-Parece que é unha temática que lle gusta. Xa fixo outra con esa paisaxe de fondo.

-Si. Tamén fixen cinco veces o Camiño e unha sexta errada, por mor dun pequeno accidente.

-¿Cando comeza a interesarse pola literatura de Cunqueiro?

-Hai moito tempo, aínda que dende que me pediron que clausurara o congreso do seu centenario, decateime de que había moitas cousas súas que non lera. É que Cunqueiro escribiu moito. Talvez a obra que mellor cheguei a coñecer é Merlín e familia, porque revisei a tradución que dela fixo hai vinte anos Colin Smith.

-¿Que admira máis do escritor mindoniense?

-Moitas cousas. Para empezar, foi un gran erudito que coñecía moi ben a literatura mundial, na que a anglosaxona era a que máis lle atraía. As citas que facía amosan que lía libros en lingua orixinal, pero ninguén sabe como aprendeu a falar inglés. Seguramente durante a súa estancia en Madrid nos anos corenta. Coma en case todo, foi autodidacta.

-Como vostede co galego.

-O meu foi por casualidade, pola necesidade de comunicarme cos obreiros que construíron a miña casiña de Ribadeo.

-¿...?

-Cheguei con 17 anos a aprender español e xa non deixei de vir na miña vida. E aprendín español, pero co galego síntome máis a gusto, exprésome mellor.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
52 votos

«Defender o idioma galego é pura ecoloxía lingüística»