Os contos serán editados no 2012

La Voz

CULTURA

18 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando a posguerra aínda paseaba como un gran zepelín gris sobre Madrid, Álvaro Cunqueiro, un periodista sen carné que sobrevivía como columnista ocasional en diferentes publicacións, era quen de viaxar coa súa mente e a súa literatura ata o lonxano Oriente.

Os mesmos títulos dos relatos agora recuperados xa anticipan o seu exotismo. De 1945 son San Cosme, rey de los Gou (de ambiente africano) e La campana y el león (ambiente musulmán). En 1946 amplía horizontes e publica Historia de la burla del Becerro (atmosfera musulmana) e os contos de aroma chinés El fraile que pintaba abanicos para el emperador de la China, De la calle Velázquez al río Eyo e Los cinco demonios de Wupei. O último destes relatos de 1946 xa aparece co seu nome: El fuego. Attum cuenta. Leyenda negra adaptada al castellano por Álvaro Cunqueiro.

Ademais destes sete textos de ficción, Xosé Antón López Silva explica que entre as haxiografías ou vidas de santos publicadas naqueles anos por Álvaro Cunqueiro hai tres «que tamén pasaran desapercibidas para a crítica especializada»: Un misionero en Australia, San Pedro Claver e La ardiente prisa de Sor Teresa. «Así serían en total dez os textos que eran ata agora descoñecidos. E ao mesmo tempo hai que sinalar que nunca se preparara unha edición que dera acceso aos textos que xa se coñecían, malia seren textos fundamentais para o coñecemento do Cunqueiro escritor en Madrid», apunta López Silva.

«De santos y milagros»

Estes contos verán a luz a principios do 2012, xa despois dos actos oficiais do centenario de Cunqueiro, na antoloxía De santos y milagros, que publicará a Fundación Banco Santander dentro da súa colección Obra fundamental. Nesta selección de textos relacionados, ao xeito cunqueirán, co mundo dos santos e os milagres -«unha das súas teimas», aclara o profesor- incluiranse varios dos artigos que, en diferentes etapas da súa carreira, o gran escritor mindoniense publicou nas páxinas de La Voz de Galicia.

O volume levará un limiar do escritor e xornalista coruñés César Antonio Molina, exministro de Cultura e un dos grandes especialistas na súa obra, autor de varias antoloxías dos seus escritos xornalísticos, como a imprescindible colección Pasajero en Galicia (Tusquets).

«Son textos fundamentais para o coñecemento do Cunqueiro escritor en Madrid»

Xosé Antón López Silva