Un dicionario en Internet permite escoitar 60.000 palabras galegas

Baséase no manual de pronuncia editado pola Real Academia

<"> la voz < span>

O idioma galego conta cunha nova ferramenta informática. Trátase da adaptación a Internet do Dicionario de pronuncia da lingua galega, un traballo coordinado por Xosé Luís Regueira no marco dun proxecto desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega e que foi publicado o ano pasado en forma de libro pola Real Academia.

Este recurso, ao que se accede no enderezo ilg/usc/pronuncia, contén 60.000 vocablos de uso común do galego, dos que se achega non só a súa transcrición fonética, senón tamén a súa pronuncia real, xa que é posible escoitalos premendo nun botón. As palabras foron gravadas en colaboración coa Compañía de Radio e Televisión de Galicia, mentres que tamén a Secretaría Xeral de Política Lingüística colaborou na realización desta ferramenta.

A versión electrónica do dicionario dispón dun buscador que fai posible localizar as palabras que contén; a páxina de resultados presenta a forma, a categoría gramatical, a transcrición e, por último, o arquivo de voz. Unha opción de axuda facilita as procuras e resolve as dúbidas que poidan xurdir no proceso.

En canto á gravación das palabras, o usuario pode escoitar a súa pronunciación nun galego estándar, aínda que algo máis lento do que se faría nunha conversa convencional. «Utilizamos o sistema consonántico do galego estándar, polo que non se representa a gheada nin o seseo, sen que isto implique un xuízo desfavorable para estes sistemas alternativos», explícase no apartado onde se detallan os criterios que rexen o traballo do dicionario.

Modelo de referencia

Os obxectivos desta ferramenta en liña son contribuír á aprendizaxe do galego por parte de estudantes, ademais de ofrecer un modelo oral de referencia a aquelas persoas que traballan habitualmente coa lingua, como poden ser xornalistas, profesores ou actores de dobraxe.

Non faltan consideracións informativas de tipo académico, como o sistema de signos fonéticos que se utilizan no dicionario, así como aclaracións sobre cuestións como os estranxeirismos: nos casos de palabras cuxa grafía non foi adaptada, mantense o criterio de «representar a pronuncia da lingua orixinal en primeiro lugar, e a seguir unha pronuncia adaptada total ou parcialmente á fonética galega», segundo a información que achega a web. Para ampliar estes criterios enlázase a introdución da web, reproducida en formato PDF.

Consolidación da versión estándar

Ademais da súa finalidade práctica, o dicionario busca tamén como obxectivo último a normalización do galego e contribuír a consolidar un modelo de pronunciación estándar, que avance no prestixio e na calidade da lingua. Esta pronuncia de referencia é habitual en todas as linguas. No inglés, por exemplo, denomínase «received pronunciation» e durante anos foi o modelo único da BBC. En Internet existen dicionarios desta lingua, algúns oficiais e outros recompilados por afeccionados, nos que é posible escoitar a mesma palabra na pronunciación diferente que lle imprimen falantes de países como o Reino Unido, Australia ou Estados Unidos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

Un dicionario en Internet permite escoitar 60.000 palabras galegas