Obras de sempre na prosa e poesía

La Voz

CULTURA

29 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O outono é tempo de recuperar clásicos da literatura galega e internacional, como fan as traducións de A tribuna, de Emilia Pardo Bazán (Toxosoutos); a historia da boa Crictor, de Tomi Ugerer (Kalandraka); os célebres Contos por teléfono, de Gianni Rodari (Kalandraka); ou Rip Van Winkle, de Washington Irving (Toxosoutos).

Dentro das homenaxes correspondentes ao Ano Cunqueiro, publicarase o libro-disco Haberá primavera, no que César Morán pon música a catorce poemas pertencentes á última etapa do autor de Mondoñedo.

Biblos, pola súa banda, publicará unha biografía do conde de Gondomar. Francisco Maseda firma esta obra que recupera a unha figura senlleira da historia de Galicia e que testemuña o seu amor pola súa terra.

A poetisa Luz Pozo Garza percorrerá, nunha edición corrixida e ampliada do ensaio A bordo dun barco sen luces (Alvarellos), o particular universo creativo do poeta lugués Luís Pimentel.

Os amantes da poesía en galego poderán contar, na mesma editorial, co poemario inédito de Gonzalo López Abente Bretemada e, cun paso de xigante, saltar ata a prosa poética actual de Xosé Carlos Caneiro, El libro de los besos y la niebla.