No capítulo de traducións, na primeira semana de outubro sairá ao mercado, tamén en Galaxia, a terceira entrega de 1Q84, de Haruki Murakami, que se publicará en galego de forma simultánea á versión en castelán de Tusquets. O selo continuará coas traducións da obra do Nobel turco Orhan Pamuk con O libro negro, e publicará A verdade sobre Marie, de Philippe Toussaint, e C, de Tom McCarthy. Pola súa banda, Rinoceronte achegará ao galego Contos da era do jazz, de Scott Fitzgerald. Este selo editará diversos audiolibros, entre os que destaca Seda, de Alessandro Barico.
Novela gráfica e obra infantil
Aportarán a cor as novidades en banda deseñada e ilustracións, coma as do checo Miroslav Sasek que recupera El Patito Editorial. Despois das aventuras en París e Londres publicadas o ano pasado, saen Esto es Nueva York y Esto es Roma, guías pensadas para achegar o pracer de viaxar aos pequenos. Pola súa banda, Galaxia adentrarase tamén na novela gráfica con Nómades, de Xosé Tomás.