Editan as cartas entre Piñeiro e Pérez-Barreiro

redacción / la voz

CULTURA

09 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os intelectuais galeguistas Ramón Piñeiro e Fernando Pérez-Barreiro Nolla iniciaron a súa correspondencia en 1958 e, con diverso ritmo, continuaron o intercambio de cartas ata 1978. Estas misivas forman a parte central do volume en homenaxe a Pérez-Barreiro, falecido en xaneiro do ano pasado, e que edita precisamente o Centro Ramón Piñeiro. Baixo a coordinación de Luís Alonso Girgago, Nicolás Vidal e Alexandra Cillero Prieto, o libro ábrese cunha biografía cronolóxica de Pérez-Barreiro, un dos pioneiros da tradución en Galicia, que desempeñou boa parte da súa carreira no Reino Unido, en entidades como a BBC e a Organización Internacional do Café, e que achegou a primeira tradución de Shakespeare ao galego, Macbeth, en 1973.

Ademais das devanditas cartas -que inclúen tamén as enviadas por Piñeiro á muller de Pérez-Barreiro, a tamén escritora Teresa Barro-, o volume selecciona unha ducia de textos que exemplifican e erudición e variedade de temas que podía tocar Pérez-Barreiro: dende reflexións sobre Plácido Castro, a política interior irlandesa ou aspectos técnicos da súa tradución de Macbeth. O intelectual tamén colaborou con La Voz de Galicia na década dos anos oitenta.

O libro péchase cos testemuños sobre a pegada que deixou Pérez-Barreiro, con textos a cargo de Teresa Barro, Xosé Luís Franco Grande, Eduard Punset, Miguel Carlos Vidal, Camiño Noia, Francisco Fernández Naval, Xulio Ríos, Xesús Fraga e Nicolás Vidal.

Grupo de Traballo Galego

Fernando Pérez-Barreiro foi un dos fundadores do Grupo de Traballo Galego de Londres na década dos setenta. O grupo vén de iniciar recentemente unha nova xeira, agora xa só como Grupo de Traballo Galego, co obxectivo de achegar reflexións e ideas na procura dunha sociedade máis xusta e desenvolvida.