O festival de San Sebastián escolle dúas longametraxes galegas

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

«Tralas luces» e «Arrugas» competirán na sección de novos realizadores

03 ago 2011 . Actualizado a las 10:24 h.

Por primeira vez nos seus case sesenta anos de historia, o festival de San Sebastián contará con dúas películas galegas. Un documental e unha película de animación competirán na sección de novos directores na vindeira edición do certame.

Tralas luces, producida por Tic Tac, é o título da primeira película de Sandra Sánchez, unha longametraxe documental na que acompaña a unha familia de feirantes de etnia xitana propietaria dunha pista de coches de choque durante os nove meses que dura a súa temporada de traballo polos campos das festas de Galicia. Tralo seu paso polo festival vasco, está previsto que a película de Sandra Sánchez poida ser estreada en Galicia no mes de outubro.

Arrugas é unha película de animación producida por Perro Verde, dirixida por Ignacio Ferreras e con guión de Ángel de la Cruz. A longametraxe é unha adaptación que ten como punto de partida o cómic do mesmo título de Paco Roca, que foi premio nacional no 2008 e que aproveita a vida cotiá dunha residencia de maiores para falar, entre outras circunstancias, do alzhéimer. É unha adaptación que, segundo o propio debuxante, «sigue con mucha lealtad las intenciones del cómic y es un poco contracorriente porque habla de antihéroes absolutos y está hecha en 2D y sin artificios».

O debuxante valenciano asegurou estar moi contento co paso do papel ás pantallas dos cines da súa historia, e explicou que reflicte «muy bien la narración del cómic e incluso permite ir un poco más allá». Neste sentido e segundo Roca, tanto o cómic como a longametraxe queren chamar a atención sobre as circunstancias nas que viven os vellos, pero non «desde una perspectiva dramática, más bien contando su vida como es».

O festival donostiarra anunciou a participación española na edición que comeza no vindeiro mes de setembro. Ademáis das dúas películas galegas que formarán parte de Zabaltegi-Nuevos directores, tamén competirán na mesma sección as últimas películas de directores como David Trueba, Isaki Lacuesta ou Manuel Huerga.