Diego Ameixeiras gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz

redacción / la voz

CULTURA

A historia, centrada en Ourense, será publicada en agosto no xornal

08 jul 2011 . Actualizado a las 10:17 h.

O mes de agosto xa ten historia. Será publicada a diario nas páxinas de La Voz de Galicia e procede do escritor ourensán Diego Ameixeiras. Historias de Oregón é o título da novela por entregas que durante cada día do mes de agosto poderán disfrutar os lectores do periódico. Esta obra foi a gañadora do Premio de Novela por Entregas que anualmente convoca La Voz de Galicia e que foi entregado na noite de onte na tradicional cea literaria nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.

O escritor ourensán asegurou, nada máis recoller o premio, que gañalo «supón a posibilidade de chegar a un público amplísimo». A historia gañadora ten como paisaxe a cidade de Ourense durante un verán, travestida en Oregón, pero coa xeografía e topónimos auténticos. Diego Ameixeiras gañou o premio cunha historia na que se cruzan varias vidas en situacións habituais nos informativos.

Deste xeito, na obra aparecen integrantes de brigadas antiincendios cambiados de bando, mulleres maltratadas, inmigrantes solidarios, parellas que están en vías de extinción, moitos bares de menú do día, todo nun crebacabezas que se vai compoñendo desde a fragmentación inicial. O escritor, que apuntou que esta era a súa sexta novela, recordou dos referentes literarios para el, Andreu Martín e Michael Connelly, dous autores que leu hai pouco e que «publicaron recentemente en xornais de xeito que eu vou poder estar máis cerca deles».

No discorrer da historia van xurdindo algúns dos conflitos actuais: desde os evidentes dos problemas dos incendios no país, a violencia machista nas súas múltiples versións, algunhas ambicións políticas e tamén personaxes secundarios da vida e da historia que se encontran atrapados polas circunstancias. Entre a necesidade de cartos e a posibilidade de conseguilos de xeito pouco legal.