Unha «nave de tolos» con interpretación metafórica

La Voz

CULTURA

13 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha das descricións sobre a novela gañadora do Xerais, Extramunde, de Xabier Queipo, é esta: «Unha hoste de condenados pola Santa Inquisición, formada por eivados e torturados, parte do santuario dos embruxados cara ao porto de Betanzos, guiados pola man do Capitán Mourelle. Alí, outra man, a de ferro do Capitán Lourenzo de Sousa, tomará o relevo para conducilos, a través dunha viaxe transoceánica, nunha goleta que ten como misión abandonar os condenados á súa sorte na selva de Guiana. Esa viaxe, a propia viaxe é, indubidablemente, a protagonista da novela».

O que pasa nesa viaxe é, segundo Xabier Queipo, perfectamente explicable «dentro do xénero de aventuras» de xeito que «hai unha pléiade de personaxes alucinados que embarcan nunha viaxe a bordo dunha nave de tolos, que no fin constitúe a personaxe central da novela».

Queipo apunta que en todas as súas novela hai «un comezar de cero» e quizais por iso non se poida dicir que é «un escritor veterano». Fala da modernidade no texto e na súa estrutura, e advirte que para escribir moderno «non fai falta escribir sobre un cantante de rock and roll». Sinala que ambientar a novela no século XVI «permite, sen deixar as aventuras, falar metaforicamente de cousas que están pasando agora porque as institucións e os seus comportamentos igual non son tan diferentes». «Ten distintos alentos, desde a desmesura violenta de Galiza entendida como territorio mítico e esotérico á navegación oceánica e o confronto coas forzas da natureza», explica.