Os gañadores dos Xerais infantil e xuvenil abren as fronteiras do xénero

Carré e Fariña cren que a idade marca cada vez menos as lecturas


vigo / la voz

Espías dunha banda, homes artificiais doutra. Os textos de literatura infantil e xuvenil premiados na noite dos Xerais buscan ampliar os límites dun xénero que cada vez se deixa impresionar menos polas barreiras da idade.

Héctor Carré, gañador do premio Fundación Caixa Galicia con Febre, asegura que non tivo que «adaptar a linguaxe nin a historia a esa idade». Explica que cando se puxo a pensar na historia ambientada na época do volframio partiu da frase coa que a el de neno lle contaban algunhas historias. «E desde aí pensei en contarlle esa historia á miña filla de 17 anos», di.

A historia que conta Anxo Fariña, coñecido, entre outras cousas, pola súa serie para cativos Megatoxos, tampouco se disciplina con exactitude a uns límites de idade, aínda que está «afeito a escribir para cativos entre os 3 e os 14 anos». Neste caso, a historia, segundo o seu autor, tira contra a parte alta dese segmento, porque o mundo do futuro que conta «require dunha fantasía diferente da que poden ter os nenos máis cativos». Explica que a historia de A chave da Atlántida conta, por medio da ciencia ficción e da aventura, «ao primeiro home artificial e as aventuras que ten que asumir para descubrir a súa orixe e a súa identidade». Para responder a esa pregunta, «ten que viaxar polo Atlántico e ese é un tipo de cousas que lle gustan aos cativos cando van tendo unha idade». Pero tamén advirte que os libros para cativos «pode lelos calquera».

Para Héctor Carré, Febre reúne elementos de calquera novela e eses 17 anos de quen escoita a historia poden marcar a idade do lector ideal. Admite que «hai algunha violencia no libro porque eses eran tempos duros, pero creo que a esa idade os rapaces están preparados para unha novela como esa e, na práctica, para calquera novela». Tamén sinala Carré que os xurados «do Xerais tiñan sobre esa idade, e todos manifestaron ter gustado» da historia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Os gañadores dos Xerais infantil e xuvenil abren as fronteiras do xénero