Os Xerais distinguen obras de aventuras mariñas e intrigas

camilo franco VIGO / LA VOZ

CULTURA

Xabier Queipo gaña o premio de novela con «Extramunde»

12 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os tres premios que Edicións Xerais deu a coñecer onte na illa de San Simón están marcados polo mar, pola aventura e pola intriga. Xabier Queipo resultou gañador do galardón de novela por Extramunde. Héctor Carré acadou o Fundación Caixa Galicia por Febre e Anxo Fariña foi o elixido no Merlín por A chave da Atlántida.

No caso do premio Xerais, o xurado explicou a súa decisión valorando «profundamente a calidade da súa escrita, na que destaca un arranque espectacular e unha enorme plasticidade». Segundo a valoración do xurado, a novela de Queipo bota man «dun certo rexistro expresivo de ton profético» para construír «unha magnífica novela de aventuras que dialoga con clásicos como Stevenson ou Jack London».

Volframio no Barbanza

A novela gañadora do Fundación Caixa Galicia é dun tempo de posguerra, aínda que se distancie do máis coñecido da época. Febre, de Héctor Carré, foi definida na tarde dos premios Xerais como unha obra «construída a partir dun narrador que encadra a historia para contarlle á súa neta adolescente uns acontecementos que viviu en primeira persoa». Refírese ao volframio como «ouro negro» da época explicando que é unha «historia cunha acción trepidante, con personaxes rotundos e unha ambientación cinematográfica».

Ciencia ficción

O premio Merlín escolleu a ciencia ficción de A chave da Atlántida como xénero para obra na que uns científicos crean o primeiro ser humano artificial. Sobre a obra de Anxo Fariña explicouse en San Simón que é unha novela de «ciencia ficción na que a un ritmo trepidante se mesturan os mitos dunha civilización antiga coas posibilidades ofrecidas polas biotecnoloxías e a robótica do futuro». En canto ao ton da obra, sinalouse que mantén o ritmo das novelas de aventuras con «persecucións e probas fantásticas», pero que tamén «se somete a indagación dos lectores e lectoras novos un dos tópicos da mitoloxía clásica».