Localizan os textos autógrafos máis antigos de Eduardo Pondal

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Un deles podería ser o brinde que o escritor leu no banquete de Conxo

01 jun 2011 . Actualizado a las 10:28 h.

Eduardo Pondal atravesou algúns problemas máis dos que eran coñecidos ata agora polo seu brinde do banquete de Conxo. Non só padeceu un proceso na Audiencia Provincial coruñesa, tamén tivo problemas coa Igrexa do momento, tal como queda claro nos tres documentos inéditos que o profesor Juan Félix Neira Pérez rescatou do arquivo do Arcebispado de Compostela. Dous deses documentos teñen un valor singular posto que son, ata agora, os manuscritos de Pondal máis antigos que se coñecen. Aínda máis, un deses dous manuscritos podería ser o texto que o poeta levou consigo para ler o día en que participou no famoso e recoñecido banquete de Conxo.

Para Juan Félix Neira, os tres documentos encontrados no arquivo formaron parte da «exculpación que Pondal buscou, quizais presionado pola familia». Un deles reproduce coa letra do escritor o brinde do banquete e, segundo explica Neira, «é un documento gastado, con dobreces e algunhas manchas que levan a pensar que Pondal, na obriga de defenderse, decidiu mandar ao arcebispo o mesmo texto que leu no banquete para que se vise que non había falta no dito».

Documento con tachas

O profesor recoñece que a súa é unha dedución de difícil comprobación pero de carácter plausible, posto que o documento «leva tamén escrito o nome de Aurelio Aguirre -participante e tamén encausado por ese mesmo banquete- e ten algunhas tachas». «Se Pondal quixera enviar outro documento diferente ao lido mandaría un sen tachas», explica Neira. Por outra parte, sinala o profesor, «calquera outro papel que Pondal enviara para exculparse non tería o mesmo valor que tiña ser o papel levado ao banquete».

Do que si está seguro Neira é de que estes dous documentos son, a día de hoxe, «os dous textos autógrafos de Pondal máis antigos que se coñecen, tanto na correspondencia como no literario». O banquete celebrouse o 2 de marzo de 1856. A carta do párroco ten data de agosto dese mesmo ano.

Cómo chegou un poema de Pondal a un arquivo diocesano é unha das preguntas que pon algo de literatura neste descubrimento. O brinde do banquete de Conxo levantou unha polémica que excedeu o ámbito galego. Nesa altura, Pondal tiña 21 anos e estudaba segundo de Medicina en Compostela.

O pai do escritor era un acomodado comerciante que fixera fortuna fóra e non recibiu con bo sentido a súbita fama do seu fillo. Segundo o expresado nos documentos, a Pondal foille negada a absolución tras confesar e a partir dese feito a familia pediu axuda do cura párroco na época, Manuel Pose, para que intercedese ante o arcebispo.

Os tres documentos localizados por Neira formaban parte da carpeta correspondente ao arciprestado ao que pertencía a familia de Pondal. O investigador localizounos mentres traballaba na recompilación de documentos sobre a parroquia de Ponteceso. Formaban parte, con toda probabilidade, do envío que o párroco fixo ao arcebispo da época. Un é o texto do brinde, outro a carta do párroco pedindo favor e outra carta moi breve de Pondal na que se retracta.

En certo sentido, os tres documentos, que permanecían xuntos na mesma carpeta, formaban un expediente para que o escritor fose perdoado.

Hai máis evidencias, segundo Neira. Tanto o texto do banquete como a carta de intercesión do párroco están escritas sobre un mesmo tipo de papel, cun selo en seco de Tolosa, en Navarra, que, segundo Neira, «ten que ver con que o pai de Pondal comerciaba con establecementos desa zona». O feito de que o texto de Conxo e a carta do párroco ao arcebispo utilizasen o mesmo papel pode querer dicir, segundo o profesor, que o «párroco acudiu á casa dos Pondal para tratar o asunto e escribiu esa carta diante da familia do escritor e nin sequera hai que descartar que cobrase por facelo». Nesa carta, o párroco de Ponteceso lembra a fidalguía da familia e sinala que «la lectura de libros prohibidos ha estragado su corazón hasta sentir mal los Santos Sacramentos». O sacerdote engade «que hasta el desgraciado Brindis nadie le ha notado de impío, alomenos en este País en donde vivió».

«Hago ademas retractacion completa»

Juan Félix Neira apunta que a situación de hoxe e a de aquela época non teñen nada que ver. Explica que a carta que Pondal dirixe ao arcebispo «pode parecer dun servilismo moi grande, pero hai que ter en conta as circunstancias, a idade que tiña nesa altura o escritor e as presións da familia».

Sinala tamén que o outro encausado polo mesmo brinde, Aurelio Aguirre, «visitou ao arcebispo pola mesma cousa, fixo unha profesión de fe cristiana e mesmo publicou un poema retractándose».

Neira sinala tamén que o proceso da Audiencia contra Pondal e Aguirre non está moi investigado, a pesar de que foi «un proceso que obtivo un eco inusual e que mesmo deu pé a enfrontamentos mediáticos».

En calquera caso, para Neira a importancia deste achado ten máis que ver coa singularidade dos documentos, co feito de seren os máis antigos que se conservan de puño e letra de Pondal e algo menos «co que o poeta tivo que facer por causa do brinde, aínda que destes documentos se desprende que tivo que retractarse, aínda que os motivos seguramente puidesen ter máis que ver co familiar e non podemos pensar na sinceridade desa carta». A carta de Pondal, sen fechar, transcrita coa mesma ortografía do documento, é esta:

«Escelentisimo Señor:

»He tenido la satisfaccion de hacer confesion con el Sr cura parroco de la Diocesis de su Escelencia Dn Manuel Pose. No pudiendo recibir la absolucion por haber vertido el brindis adjunto, con el debido respeto solicito de S.?E. el permiso para que se me absuelva.

»Hago ademas retractacion completa de lo que en dicho brindis haya pronunciado en contra de nuestra religion.

»Besa S.?M. de V.?S. Ylustrisima, su humilde servidor.

Eduardo Pondal».