Homenaxe multitudinaria a Lois Pereiro na súa cidade natal

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

CULTURA

O poeta foi lembrado en Monforte con diversos actos no Día das Letras

18 may 2011 . Actualizado a las 11:38 h.

O 4 de abril de 1996, pouco antes do seu falecemento, Lois Pereiro -acompañado por Manuel María- presentou no salón de actos da Casa de Cultura de Monforte o seu segundo libro, Poesía última de amor e enfermidade. O mesmo lugar foi onte o escenario do acto central do Día das Letras Galegas, que, como é tradicional, consistiu nunha sesión plenaria e aberta ao público da Real Academia Galega. Pero antes desta celebración, o Concello monfortino ofreceu unha recepción no salón de plenos á familia do homenaxeado, aos académicos, aos representantes do Goberno galego -entre eles, o presidente Alberto Núñez Feijoo e os conselleiros de Cultura e Educación- e a outras autoridades.

No acto da casa consistorial, o alcalde Severino Rodríguez definiu a Pereiro como «un referente intelectual e ético extraordinario» e mencionou a súa relación co poeta Manuel María, veciño de Monforte durante moitos anos, para o que pediu tamén un Día das Letras Galegas. Tomou igualmente a palabra o xornalista e escritor Xosé Manuel Pereiro, irmán do homenaxeado, quen dixo que «este está sendo un bo ano para as letras galegas, aínda que quizais non tanto para outras cousas relacionadas coa cultura galega», xa que está permitindo abrollar a obra dun poeta aínda pouco coñecido, que ata agora «era como lume en terras de turba, que arde por debaixo aínda que por riba só se ve fume».

O presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, manifestou o seu desexo de que as homenaxes ao «grande poeta» Lois Pereiro sirvan como punto de partida para que Monforte sexa considerada como «unha cidade de cultura, unha cidade literaria». Pola súa parte, Núñez Feijoo afirmou que Pereiro «representa as aspiracións dunha terra que coñece outras culturas e idiomas sen que iso lle impida escribir e crear en galego».

Discursos académicos

Xa na Casa de Cultura, o primeiro académico en intervir foi o escritor Manuel Rivas -amigo persoal de Pereiro-, quen pronunciou un apaixonado discurso no que repasou as diferentes dimensións da vida e da obra do monfortino, a quen comparou con grandes poetas europeos do século XX como Paul Celan ou Nelly Sachs: o seu «radicalismo ético e estético», a «beleza do enigmático» que encerra a súa poesía e o seu carácter de «vitoria da humanidade contra a morte».

O seguinte discurso correu a cargo de Margarita Ledo Andión, quen resaltou a vertente política e social da obra de Pereiro e as pegadas que deixaron nela os males da civilización industrial, sinalando tamén os seus paralelismos con diversos creadores de vangarda: de Kakfa a Jim Morrison, pasando por Baudelaire, Bertolt Brecht, Thomas Bernhard ou Peter Handke.

Pola súa parte, Darío Xohán Cabana incidiu na complexidade formal da poesía de Pereiro e na súa relación coa grande tradición literaria occidental, un trazo, ao seu xuízo, máis salientable que o patente influxo da cultura popular contemporánea. Cabana afirmou tamén que para entender ben a Pereiro é preciso ter certa experiencia da vida e da dor, polo que o considera pouco accesible para o público adolescente.

As restantes alocucións foron de Antón Santamarina -que falou sobre o seu léxico literario- e Luz Pozo Garza, quen relacionou a obra de Lois Pereiro con outros autores galegos de xeracións precedentes nun discurso de ton marcadamente poético e elexíaco.

A comitiva formada polos académicos e autoridades, xunto con familiares e amigos de Lois Pereiro e numerosos veciños, percorreu a pé o camiño desde a casa consistorial ata a Casa de Cultura de Monforte, onde se desenvolveu a sesión plenaria da RAG. No traxecto cruzaron o río Cabe pola ponte vella, que era un dos recantos da súa cidade natal máis estimados polo poeta. No entorno inmediato desta ponte, na praza Doutor Goyanes, está previsto instalar unha estatua do escritor que será sufragada pola Asociación Galega de Editores e a área de Cultura da Deputación lucense. A idea de erixir este monumento partiu inicialmente do Concello de Monforte. Por agora non hai unha data concreta fixada para esta homenaxe, que se levará a cabo ao longo do presente ano.