Pereiro polos lectorados de galego

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Unha exposición de carteis explicará a obra do escritor

17 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Para apoiar a actividade que os lectorados están facendo nos distintos centros repartidos polo mundo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha unha exposición de carteis que será enviada a todos os centros con lectorado de galego. A mostra cartelística pretende explicar a vida e a obra de Lois Pereiro. Os carteis poderán verse nos máis de corenta centros da rede de lectorados de galego polo mundo.

Baixo o título Lois Pereiro e as artes da palabra. Rúa da Poesía, poesía da rúa, a mostra recolle unha parte dos traballos realizados por alumnos en distintos centros escolares de Galicia. Estes carteis poden visualizarse na web de Política Lingüística.

Repartidos en 19 países, os corenta centros están desenvolvendo estes días unha actividade arredor de Lois Pereiro en particular e das letras galegas en xeral. Con especial intensidade sinala a secretaría xeral as actividades desenvoltas polas universidades portuguesas, como a do Minho ou a de Lisboa, que programan desde feiras dos libro galegos ata ciclos de cinema realizado en Galicia.

Tamén as universidades do País Vasco e de Barcelona celebraron recitais e conferencias sobre a figura de Lois Pereiro, incluíndo a presentación da obra completa bilingüe de Libros del silencio.