«Trato de recoller a pluralidade que encerra a nosa creación literaria»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Foi distinguido nos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

08 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ramón Nicolás, crítico habitual do suplemento Culturas de La Voz, foi distinguido nos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega co galardón á mellor traxectoria xornalística. Nicolás recibe o premio cunha «enorme satisfacción»: «Entendo que é un premio prestixioso e prestixiado tanto pola relevancia de quen xa o recibiu como porque a candidatura sexa allea a min e naza conxuntamente do Colexio de Xornalistas de Galicia e mais dos compañeiros da asociación. Supón unha mostra de recoñecemento a un traballo máis ou menos continuado no ámbito da crítica e da información cultural nos medios desde hai máis de vinte anos que moito agradezo».

-¿Que perspectivas sobre a literatura galega lle proporcionan as súas críticas semanais no «Culturas»?

-A atalaia que me brinda o suplemento enténdoa como un privilexio, pois, ademais de posibilitarme un contacto continuado con moitos lectores desde hai tempo, é para min unha cita que me obriga a estar atento ao máis salientable, ou parte do máis salientable, do que se publica en lingua galega. Imprímeche un ritmo de traballo continuado e intenso e, por extensión, un gaña unha visión, seguramente incompleta pero global sobre as súas principais liñas de sentido.

-¿E de que saúde goza a crítica en Galicia?

-A creación da Sección da Crítica dentro da AELG creo que marca un punto e á parte como plataforma desde a que adoptar decisións conxunta e colexiadamente en moitos ámbitos de actuación. No seo da sección mesmo acolléronse afervoados debates sobre este asunto ao que te refires. Eu creo que non é doado xeneralizar: resiste, o que non é pouco.

-Tamén escribe en revistas de difusión española sobre literatura galega: ¿que percepción existe sobre o que se fai aquí?

-A miña colaboración é moi puntual, nunha revista mensual sobre libros onde o seu director, Toni Iturbe, reserva un espazo para as nosas letras. Desde aí, xustamente, pretendo ofrecer unha panorámica que recolla a pluralidade e heteroxeneidade que a nosa creación literaria encerra, tanto no que se refire a creadores como a xéneros, editoriais, etcétera, procurando ampliar certa visión reducionista ou simplista que outros medios talvez proxecten.

-¿Como inflúe o seu traballo como profesor e as traducións no seu labor como crítico e divulgador?

-A miña profesión é a de docente; a crítica, como a tradución, sempre as entendín como complementarias á primeira e o certo é que, en boa parte, a vivifican. Todo é cousa de saber e poder organizarse.

ramón nicolás crítico literario

«A miña profesión é a de docente, a crítica e mais a tradución son complementarias»