Un manifesto reclama máis presenza da muller na Academia

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Cualifican de «insignificante» a representación feminina na institución

08 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O número de mulleres que ocupan praza na Real Academia Galega é «insignificante». Asegurouno María Reimóndez na presentación do manifesto O xogo das cadeiras, co que se reclama unha maior presenza feminina na institución. Das trinta prazas da RAG, só catro están ocupadas por mulleres.

O manifesto está firmado, entre outras, por Marica Campo, Helena Villar Janeiro, Marisa Sobrino, Ánxeles Cuña Bóveda, María Canosa, Carme Adán, Aurora Marco, Yashmina Shawki, ata sumar 52 firmas de partida. Tanto PSG como BNG apoiaron este manifesto. O que as promotoras esperan é que se teña en conta ás mulleres para as tres vacantes que hai na actualidade na institución.

O texto reclama que se preste máis atención á contribución feminina e que a Academia ofreza un equilibro máis próximo á realidade do que agora mesmo amosa. Segundo Dolores Vilavedra, non se trata dos nomes, «nin dunha competición entre quen pode estar ou non». As convocantes sinalaron que «todo o mundo pode sumarse, incluíndo os académicos».

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, non quixo facer declaracións sobre o manifesto nin sobre a súas reclamacións. Para o académico Darío Xohán Cabana, é desexable que haxa un «maior número de académicas e que ese número estea en relación coa importancia das mulleres na sociedade». O escritor tamén apunta un problema de tempo: «A media dos académicos é de setenta anos e o máis novo rolda os 55». Cabana explica que as mulleres que agora «protagonizan a nosa cultura son moito máis novas». Tamén explica que «temos 30 cadeiras, pero houbo 40 e quizais habería que ampliar».

Para Xosé Luís Regueira, o último designado pero que aínda non tomou posesión, «é lóxico que a Academia vaia cara á realidade». Un dos problemas que ve «é o desfase das institucións para responder aos cambios», pero non dubida «da vontade da RAG». Apunta que outras academias como a española ou a portuguesa «están nunha situación similar».

«Nun tempo houbo 40 cadeiras, quizais habería que ampliar»

Darío X. Cabana

«É lóxico que a RAG vaia cara á realidade, non dubido da súa vontade»

Xosé Luís Regueira