Xosé Luís Regueira: «O uso de Internet abre moitas posibilidades para o galego»

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Regueira avoga por novas políticas para un uso normal e cotiá da lingua

28 mar 2011 . Actualizado a las 10:46 h.

Xosé Luís Regueira Fernández (Goiriz, Vilalba, 1958) vén de ser elixido novo membro da Real Academia Galega, onde ocupará a cadeira que deixou baleira Olga Gallego. Catedrático de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago e ex secretario do Instituto da Lingua Galega, Regueira, académico correspondente dende o 2002, entra na centenaria casa da palabra da rúa Tabernas de A Coruña, «a honra máis alta á que unha persoa que traballa coa lingua en calquera dos seus aspectos, creativos ou científicos, pode aspirar, pero tamén é unha gran responsabilidade».

-¿Que pensa que poderá achegar coa súa presenza?

-Traballo e ilusión. Hai moitas tarefas pendentes, moitas demandas, moitas necesidades ás que a Academia ten que dar resposta: de maneira inmediata ou próxima, unha gramática, mellores dicionarios e ferramentas en liña, entre outras. Espero poder contribuír co meu traballo e co meu coñecemento a que os obxectivos da Academia poidan alcanzarse. A Academia ten tamén un papel da máxima importancia na defensa da lingua, e nese aspecto espero poder ser útil, desde un compromiso claro, inequívoco e sereno coa lingua da miña xente e da miña nación.

-A RAG, ao contrario que outras academias, non é unha academia formada exclusivamente por filólogos e escritores, senón que ten aberto as súas portas tamén a científicos, arquitectos... ¿Como contribúe esa mestura de saberes ao coidado do idioma?

-O idioma é de toda a sociedade, e faise e enriquécese co saber e co compromiso de todos, cadaquén no seu ámbito de traballo. Unha Academia en que os diferentes saberes estean representados é máis rica e máis forte. Pensemos, por exemplo, en que un dicionario recolle palabras de todo tipo de ámbitos, desde os oficios manuais aos sentimentos ou os saberes máis abstractos ou máis especializados, e que necesita especialistas en diferentes campos do coñecemento e da creación.

-Tamén se aprecia desde o nomeamento de Xosé Luís Méndez Ferrín á fronte da institución unha importante apertura a sectores ata entón esquecidos.

-Certo. Como dixen, ningún sector do coñecemento humano é alleo á lingua, e por tanto ten un lugar na Academia. Unha Academia máis plural é máis representativa e máis rica.

-Sempre estamos dando voltas ao mesmo, pero lle teño que preguntar pola saúde do idioma: ¿como ve a situación do galego no 2011?

-Na actualidade a lingua galega está a pasar unha crise, no sentido propio da palabra. Xa hai tempo que o galego deixou de ser unha lingua só de labregos e mariñeiros. Hoxe hai xente de moi diferentes profesións que fala galego, desde obreiros da construción a avogados, de arquitectos a dependentes de comercio. E seguramente hoxe hai máis xente que se sente comprometida coa lingua de Galicia do que houbo nunca antes. O galego incorporouse con bastante naturalidade ás novas tecnoloxías, non hai máis que ver o nivel de uso do galego en Internet. Isto abre posibilidades enormes para a nosa lingua.

Mais por outro lado os perigos tamén son obvios. Sinalaría sobre todo tres, que están relacionados entre si. Primeiro, a perda da transmisión interxeracional, xa que aínda hai moitos pais que non lles falan galego aos fillos e cada vez hai menos nenos que falan galego. En segundo lugar, os vellos prexuízos contra o galego están a ser reactualizados desde algúns grupos minoritarios e amplificados desde algúns medios de comunicación, de maneira moi interesada. E terceiro, as políticas destes últimos anos tratan de frear a normalización social da lingua.

-A Academia, aínda que desde un estrito respecto institucional, tense posicionado moi firmemente, mesmo nos xulgados, contra o polémico decreto do galego da Xunta. ¿Cre que estamos perdendo novos galegofalantes a causa da norma? ¿Haberá unha volta atrás?

-Sen dúbida, é unha norma moi lesiva para o galego. Xa antes a competencia lingüística en galego dos alumnos de secundaria era inferior á que tiñan en castelán, e hai estudos científicos que así o demostran. Ningún alumno saía do sistema escolar sen saber usar o castelán, a pesar das mentiras difundidas por certa prensa. E o decreto actual empeora moito as cousas, e non garante de ningunha maneira que ao remate dos estudos obrigatorios o alumnado teña capacidade para expresarse de maneira competente en galego. Por tanto, moitos deles non van poder elixir, nin sequera van ser capaces de usar a lingua galega. Estase a favorecer que que unha parte dos galegos sintan o galego coma unha lingua estranxeira, ou coma unha reliquia arqueolóxica. Máis ca volta atrás, eu espero que haxa unha volta adiante. Porque do que se trata é de crear unha situación nova. Hoxe a maioría da sociedade e creo que mesmo a maioría dos deputados son favorables a unha política de lingüística que reforce a presenza social do galego. Existen bases para impulsar novas políticas que imaxinen, deseñen e fagan posible unha Galicia na que o galego sexa unha lingua falada con normalidade en calquera situación ou ámbito social. Espero que sexamos capaces de facelo.