«Os micromecenados son unha solución para os espectáculos independentes»

La Voz

CULTURA

27 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Helen Bertels estreará a finais de abril no Teatro Ensalle de Vigo Wir Frauen. Estrear xa é noticia, pero ademais a actriz afincada en Compostela quere financiar a montaxe a través do crowdfunding, un micromecenado no que a xente pode aportar pequenas cantidades para financiar a produción da montaxe.

-¿Por que elixiu ese método de financiamento?

-Estamos nunha situación complicada economicamente para os novos proxectos e hai que buscar novos camiños. Pensei que este era un xeito non só novidoso senón tamén diferente de afrontar os custes de produción do espectáculo. En Estados Unidos está funcionando ben. Os micromecenados son unha solución para os espectáculos independentes.

-¿Como é o proceso?

-Hai unha web (www.verkami.com) na que podes presentar proxectos de carácter cultural para crowdfunding. Eles aceptaron o proxecto e nesa páxina están as características do mesmo, como pode a xente contribuír a financiar e tamén os beneficios para os mecenas. Poden aportar entre cinco e mil euros e hai vantaxes como figurar nos programas, entradas para o espectáculo, carteis, gravacións. Todo en función da achega.

-¿Como é a resposta?

-Levo máis ou menos unha semana e o obxectivo está en reunir mil euros. Agora mesmo teño 18 mecenas e 405 euros. Aínda queda un mes ata que finalice o prazo. Creo que vai ben.

-¿Que tipo de mecenas ten?

-Os primeiros foron xente coñecida. Para conseguir máis mecenas, hai que facer traballo de promoción do proxecto.

Helen Bertels cre que hai encontrar sistemas novos de financiación