Seareiros dunha historia inesgotable

X. F. redacción / la voz

CULTURA

Os fans galegos do escritor británico reflexionan sobre a vixencia da súa obra

20 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os dous libros senlleiros de Tolkien, O Hobbit e O señor dos aneis, contan con numerosos afeccionados en Galicia, primeiro nas súas edicións en castelán, e agora tamén en galego. Seis lectores do autor inglés lembran o seu primeiro contacto coa súa obra e opinan sobre a súa perdurabilidade.

Xosé Luís Méndez Ferrín

Escritor e presidente da Real Academia Galega

«Eu cheguei tarde a Tolkien, pero é que Tolkien tamén chegou tarde, deuse a coñecer sendo xa moi maior. Lino cando apareceu en castelán en Minotauro e quedei abraiado. Logo lin os demais libros, as súas magníficas edicións críticas, a conferencia que impartiu sobre literatura fantástica na Universidade de Edimburgo en 1938, o ano no que nacín eu. Quedei fascinado pola súa reivindicación da imaxinación, ligada a valores humanos, porque da súa obra pode facerse unha lectura antifascista e antitotalitaria. Eu coñecín a Tolkien e a C.?S. Lewis durante unha estancia en Oxford, porque ía ao Child and Eagle, un pub onde os vía tomar cervexas, pero sen saber quen eran. Tamén se conta que na biblioteca da Universidade de Oxford, a Bodleian, se garda un dicionario de galego, o de Carré Alvarellos, anotado polo propio Tolkien. A fantasía pura tende a desfacerse, a non ser que sexa moi xenial, como Alicia, pero en Tolkien está conectada cos valores do mundo real».

Moisés Barcia

Tradutor de Tolkien ao galego.

«Creo que se nota quen entrou no mundo de Tolkien por O señor dos aneis, que polo xeral era un lector adulto, xa formado, e quen o fixo polo Hobbit, nunhas lecturas preadolescentes, que foi o meu caso. Existe un elemento común entre ambos os dous, pero O señor dos aneis ten un aspecto máis maléfico, mentres que o primeiro é para todos os públicos. De feito, o editor encargoulle un informe ao seu fillo de once anos, que lle encantou. Tolkien empregou de forma maxistral os seus coñecementos do folclore e, sobre todo da filoloxía: a Terra Media é un verdadeiro maná para os afeccionados ás linguas e, de feito, a edición que fixo de Sir Gawain segue a ser unha referencia indiscutible».

Darío Xohán Cabana

Escritor

«Lino a finais dos setenta ou principios dos oitenta e xa entón gustoume moito. Daquela lino na edición en castelán que publicara Minotauro, pero agora para relelo fágoo na versión en galego. Creo que me gusta máis O Hobbit que O señor dos aneis, que se me fai un pouco longo de máis: sóbralle como unha cuarta parte, pero é tan bo que aínda que llo quites segue sendo un libro magnífico. Na miña obra deixou moita pegada, en Galván en Saor ou O libro dos moradores, e en Fortunato de Trasmundi algo hai, tamén. No fondo, Tolkien conta unha peripecia, o esencial na historia é a aventura, pero tamén a amizade, a fraternidade dunhas persoas que pertencen a pobos distintos».

Juan Blanco Valdés

Director de publicacións da Universidade de Santiago.

«Por Tolkien sinto un dobre interese, editorial, xa que o responsable de que se publicase aquí foi un galego de Corcubión, Paco Porrúa; e como lector, ao ser o creador dun mundo paralelo que non ten parangón literario. A Terra Media é un prodixio de verosimilitude, coa súa antropoloxía, xeopolítica, razas e linguas, onde está a Comarca, que ten unha organización social case perfecta. Os topónimos e antropónimos son outra xenialidade. Todo O señor dos aneis é a obra dun autor en estado de graza. Descubrino nos derradeiros anos da carreira, no 80-81, grazas a un amigo da Coruña, que mo prestou e lin as tres partes en menos de 15 días. Converteuse nun dos meus libros de cabeceira, que releo constantemente. Ten o que Borges chamou a ?infinita plasticidad de los clásicos?, que cada vez que te asomas e el descobres algo novo. Claro que tamén é un autor de filias e fobias, e O señor dos aneis non é libro grato: aí está o sufrimento físico e mental de Frodo, que non é de envexar. Recuperou a épica, a emoción que debían sentir os que escoitaban aos xograres. Cada vez que volvo á escena na que Boromir, no momento da súa morte, lle di a Aragorn que para el sempre será o seu rei se me saltan as bágoas».

Xosé Miranda

Escritor.

«Empecei a ler O señor dos aneis mentres preparaba as oposicións a profesor de instituto. Como estudaba tantas horas un amigo prestoume o libro para que me distraese. Xa coñecía a Cunqueiro, a Lord Dunsany, a Lovecraft, pero Tolkien foi todo un descubrimento, a súa capacidade de crear un universo en si mesmo. Supuña tamén o regreso á literatura bárbara, volver a Homero e aos Nibelungos. Como Stevenson, deixou pegada na miña obra: Historia dun paraugas azul, do que se adoita dicir que ten moita influencia de Cunqueiro, creo que ten máis de Tolkien. Cunqueiro, a quen tamén admiro, é como Borges, moi condensado, barroco, pero Tolkien crea un mundo paralelo coas súas regras. Foi atopar unha literatura paralela á que coñecía. Creo que Cunqueiro foi moi mal comprendido, Tolkien tivo máis sorte. Para min é un autor fundamental no século XX e demostrou que a narración pura, lineal, non está periclitada. Hai quen di del que é un escapista, pero non é certo. O que reivindica é o dereito de soñar e imaxinar do ser humano, de ter ilusións».

Alfonso Cabaleiro

Secretario xeral de Medios.

«Descubrín a Tolkien nos anos universitarios, arredor do 76-77, grazas a un grupo de persoas vinculadas á Facultade de Filosofía, que logo se implicarían na creación da Sociedade dedicada a Tolkien, e polos artigos que lle dedicaban na revista Nuestro Tiempo da Universidade de Navarra. Para min é o autor dunha gran literatura, unha auténtica obra de arte, o comezo dun xénero, o da fantasía épica. Pero ademais foi un gran ensaísta: o seu libro de finais dos anos 30 sobre os contos de fadas é unha marabilla. Tiña unha clara admiración pola literatura española: no fondo de O Señor dos aneis está O Quixote. Tamén me atraía o feito de que pertencera a un grupo literario, os Inklings, que estaba máis ben liderado por C.?S. Lewis».