Os editores premian a Neira Vilas como autor do ano

Lucía Rey
Lucía rey LUGO / LA VOZ

CULTURA

Os gremio celebrou en Lugo a súa gala anual, na que tamén foron galardoados Pinto & Chinto e Xosé Tomás

13 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Asociación Galega de Editores (AGE) recoñeceu onte a Xosé Neira Vilas co Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do 2010. O gremio editorial galego reuniuse en Lugo para celebrar a sexta Noite da Edición de Galicia, na que tamén se recoñeceu o labor doutros creadores. Deste xeito, o premio Ánxel Casal de ficción foi para Todo é silencio, de Manuel Rivas (Xerais); o Ánxel Casal de non ficción recaeu en Construtores, de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández (Kalandraka); mentres que o Ánxel Casal de poesía ou teatro foi concedido a Estremas, de Ana Romaní (Galaxia).

Contos para nenos que dormen deseguida, (Kalandraka) autoría de Pinto & Chinto, humoristas gráficos de La Voz, obtivo o Neira Vilas ao libro infantil e xuvenil. A obra Trinta gramos, escrita por Leonel Moura e traducida por Ramón Nicolás, crítico literario de La Voz, para Alvarellos, recibiu o Lois Tobío de tradución, mentres que o premio Isaac Díaz Pardo de ilustración foi para A colección Rodribrico (Baía) ilustrada por Xosé Tomás con textos de Manuel Guisande, colaborador e redactor de La Voz.

O Xosefa Vilarelle ao libro educativo recaeu en Gramática práctica galega, de Xoán López Viñas e outros (Baía), toda vez que a Asociación Culturgal recibiu o Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial.

A gala anual desenvolveuse na Deputación e estivo presidida polo presidente da AGE, Manuel Bragado. Nela homenaxeouse a Ir Indo e Hércules de Ediciones polo seu vixésimo quinto aniversario, así como ao que fora director de Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, xa falecido. Ademais foi nomeado socio de honra Alfonso García Sanmartín e entregouse o Fernández del Riego a Espazo Lectura.