Autores galegos aspiran aos grandes premios da literatura xuvenil

x. f. redacción / la voz

CULTURA

As candidaturas internacionais subliñan o bo momento do xénero

05 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O da literatura infantil e xuvenil é un eido que nas letras galegas deu importantes froitos, tanto na escrita como na ilustración, como proban os numerosos recoñecementos que obtiveron os seus creadores e entre os que se poden contar os premios nacionais concedidos a Paco Martín, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz e Óscar Villán. Nas últimas semanas producíronse novas distincións e seleccións de autores galegos que falan da vizosidade do momento polo que pasa este ámbito en Galicia.

Agustín Fernández Paz vén de ser proposto pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (Oepli) como o candidato de España para o premio Hans Christian Andersen, considerado o Nobel da literatura para rapaces. Patrocinado pola raíña Margarida de Dinamarca, concédese polo Internacional Board on Books for Young People (Ibby) cada dous anos a un creador pola calidade do conxunto da súa obra e a súa significación dentro da literatura infantil e xuvenil. A Oepli tamén propón a Fernández Paz como aspirante ao Premio Iberoamericano de Literatura Infantil Ediciones SM.

O Ibby tamén elixe con carácter bienal unha Lista de Honra na que se inclúen obras destacadas co fin de promover a súa tradución. A Oepli presentará para a edición do 2012 dúas obras publicadas por Galaxia: Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, e a tradución de Carmen Torres de Kafka e a boneca viaxeira, de Jordi Sierra i Fabra.

Ilustradores

Ademais, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), integrada na Oepli, propón á autora Fina Casalderrey e o debuxante Miguelanxo Prado como aspirantes ao premio Astrid Lindgren, instituído polo Goberno sueco en memoria desta autora.

Por último, tres libros galegos foron elixidos para a bienal de ilustración de Bratislava. Trátase de No castelo de Mabel, de Anxo Fariña (Promocións Culturais Galegas); Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto (Kalandraka), e Ola, ola, la, de Gloria Sánchez e Mamá Cabra, ilustrado por Kristina Sabaite (Galaxia).