O Panteón de Galegos Ilustres descansa en paz

As poucas visitas e a escasa sinalización favorecen a calma total do recinto


santiago / la voz

Case nada perturba a paz dos ilustres galegos que descansan en Bonaval. As dúas capelas que se deixan chamar por este nome están esquinadas na igrexa mentres esperan que unha nova lei poña polo civil a xestión e o mantemento do espazo.

Febreiro é o mes máis baixo en canto a visitas turísticas. En Bonaval tamén se nota. A igrexa ten acceso desde o claustro que forma parte das instalacións do Museo do Pobo Galego. Un cartel en tres idiomas sinala que, franqueando a pequena porta, pode accederse ao Panteón. O acceso ao espazo é labor do museo, o mantemento é da Xunta, pero a propiedade é do Arcebispado de Santiago. Nese interregno descansan Rosalía de Castro, Domingo Fontán, Asorey, Alfredo Brañas e Castelao.

Segundo o persoal do museo, que durante o pasado ano recibiu 92.000 visitas, non se leva rexistro de cantas recibe o Panteón, posto que só se rexistra a entrada xeral, pero, calculando a man alzada e entendendo que só o 34% dos visitantes son galegos, son poucos os que preguntan polo Panteón e unha grande parte destes son visitantes da igrexa.

O acceso principal desde o exterior á igrexa está pechado e ningún rótulo sinala por fóra a existencia dese espazo singular. Unha vez dentro da igrexa, a sinaléptica explica mellor quen descansa alí que por que descansa alí. O Panteón parece máis un elemento propio da igrexa, como os catro sepulcros que rodean ao altar principal, que é un espazo diferenciado en canto a uso ou simboloxía. Na actualidade, tras o último convenio entre Cultura e o Arcebispado, a igrexa de Bonaval permanece aberta no mesmo horario de visitas que o Museo do Pobo Galego.

O Arcebispado de Santiago mantén unha norma con respecto da igrexa de Bonaval que afecta tamén ao Panteón dos Galegos Ilustres. Non está permitido facer fotos no interior do templo sen permiso. Como non hai ningún rótulo no tránsito dos visitantes que o indique e tampouco hai control específico do lugar, os visitantes sacan a cámara e dixitalizan os seus paseos por ese lugar simbólico e tranquilo no que descansa baixo o mármore a que fora «groria da súa patria», Rosalía de Castro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

O Panteón de Galegos Ilustres descansa en paz