Promoción do cine galego no European Film Market de Berlín

redacción / la voz

CULTURA

É un dos principais mercados de cine de Europa, e a representación galega acóllese nun posto corporativo situado no pavillón Cinema from Spain,

17 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Dez produtoras galegas están presentes no European Film Market, que se desenvolve ata mañá, venres, coincidindo coa 61.ª edición do Festival de Cine de Berlín, como parte das actividades de promoción audiovisual no exterior levadas a cabo polo Consorcio Audiovisual de Galicia en colaboración co Igape.

Estas dúas institucións promoveron, ademais, a edición do catálogo Films from Galicia, no que se recollen obras audiovisuais de ficción, documental e animación en formato longametraxe para cine e televisión realizadas en Galicia entre os anos 2009 e 2011.

O European Film Market é un dos principais mercados de cine de Europa, e a representación galega acóllese nun posto corporativo situado no pavillón Cinema from Spain, promovido polo Instituto de Comercio Exterior (ICEX).

Desde o xoves, os profesionais galegos tiveron a oportunidade de contactar con axentes de Europa, América e Asia, pechando varios acordos de coprodución e vendas para cine e televisión. Igualmente, se desenvolveron contactos institucionais para vincular ao sector galego con organismos doutros países.

O catálogo acolle 64 obras de ficción repartidas entre 25 longametraxes, 8 animacións, 24 documentais e 8 tv-movies.